Skip to main content

AGE esixe responsabilidades políticas a Feijóo pola sentenza do Supremo que considera ilegal a suspensión do concurso eólico do bipartito

O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe a Núñez Feijoo que asuma responsabilidades políticas pola anulación do concurso eólico do bipartito, unha vez que se coñece a sentenza do Tribunal Supremo que desestima o recurso da Xunta de Galicia e ratifica a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que consideraba ilegal a anulación por parte do goberno do Partido Popular mediante a resolución de 7 de de agosto de 2009, de suspensión do concurso eólico aprobado polo bipartito.

En consecuencia, non só significa que o decreto regulador do aproveitamento da enerxía eólica (Decreto 242/2007) era axustado a legalidade senón que a decisión do goberno do PP de suspender o concurso eólico foi ilegal, e iso con independencia das consideracións sobre dito concurso , en especial sobre a súa incidencia en espazos protexidos, que AGE non comparte.

Como xa advertiu AGE na comparecencia de Francisco Conde no Pleno do Parlamento de Galicia, esta sentenza poderá ter importantes consecuencias económicas para a Xunta de Galicia, xa que se abre a posibilidade de que todas as empresas participantes no concurso anulado presenten reclamacións esixindo cuantiosas responsabilidades patrimoniais e indemnizacións económicas. Aínda que o mesmo TSXG noutras sentenzas ten confirmado a decisión de suspensión do concurso eólico, pero, tal e como precisa o deputado Antón Sánchez “ao confirmar o Supremo a sentenza do TSXG, ratificando a anulación da suspensión do concurso eólico, todos os participantes do concurso eólico do bipartito poderán reclamar indemnizacións”.

De feito, esta consideración é a que sinala o propio Auto do Supremo cando sinalaba, respecto da contía indeterminada do procedemento, que “el objeto del recurso es de cuantía indeterminada pues lo constituye la suspensión del procedimiento de otorgamiento de autorizaciones de instalaciones de parques eólicos, de modo que la entidad del procedimiento a que se refiere la actuación administrativa impugnada, el número de empresas afectadas y las indemnizaciones a que se daría lugar permite concluir que la cuantía del pleito supera ampliamente la establecida legalmente para dejar expedita la vía casacional”.

O deputado Antón Sánchez lembra ao respecto que na sentenza do TSXG, anulatoria da decisión do concurso que suspendeu a Xunta, o Tribunal entendeu que o goberno da Xunta tiña incorrido en “desviación de poder” ao suspender ilegalmente o concurso eólico. Esta decisión xudicial, que confirma o ilegal e chapuceiro proceder do por aquel entón conselleiro Javier Guerra e de Núñez Feijoo, deberá de levar aparellada a asunción de responsabilidades políticas por parte deste goberno que condenou, coas súas decisións, ao sector das renovables á parálise e á destrución de emprego.

Gabinete de Comunicación AGE