Skip to main content

Licítase a contratación de Xantar na casa para levar menús a domicilio a 1.300 beneficiarios galegos

O Diario Oficial de Galicia publica a licitación, polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, do desenvolvemento do programa Xantar na Casa en máis de 150 concellos galegos durante os próximos dous anos.

O programa Xantar na Casa consiste na subministración e entrega nos domicilios un día á semana de menús para os sete días seguintes. Os beneficiarios do servizo son persoas maiores de 60 anos que teñen limitada a súa autonomía persoal e non contan con rede de apoio; persoas dependentes que carecen de apoio familiar e requiren de axuda para a preparación de alimentos, e outras persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, avaliada polos Servizos Sociais do concello respectivo.

O obxectivo do programa é proporcionar aos beneficiarios unha alimentación de calidade e nutritiva, atendendo os casos de xeito individualizado e profesionalizado, co que se evita o deterioro da calidade de vida das persoas maiores e/ou dependentes por teren unha dieta inadecuada. Busca tamén evitar situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida, e facilitar un respiro ás familias e aos coidadores.

Ademáis da subministración dos menús, o programa inclúe polo tanto un componente social no eido da detección precoz da dependencia, xa que a visita do persoal repartidor permite un seguemento individualizado e a detección de necesidades psicosociais, en coordinación e como apoio aos servizos sociais municipais de referencia nos concellos.

O importe da licitación do programa Xantar na Casa ascende a 6.910.618 euros e o prazo de execución inicial é de dous anos, con posibilidade de prórrogas anuais ata acadar os catro anos. O prazo para a presentación de ofertas remata o de xullo ás 14,00 horas.

Segundo se recolle nos pregos da licitación, o número medio de persoas beneficiarias é de 1.300, distribuidas por todo o territorio galego nos concellos adheridos ao programa: 53 na provincia de A Coruña, 32 na de Lugo, 42 na provincia de Ourense e 26 en Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia