Skip to main content

Aprobado o ditame Proposición financiamento de partidos políticos e fundacións

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que a proposición de Lei de financiamento de formacións políticas e de fundacións e asociacións vinculadas “endurece o control con relación á normativa do Estado, converténdonos na primeira comunidade en adaptar o seu réxime propio de financiamento dos partidos ás novas esixencias estatais e na primeira tamén en superalas, colocándonos á vangarda no proceso de rexeneración democrática”.

Pedro Puy lembrou que a tramitación desta proposición de lei coincidiu coa tramitación nas Cortes Xerais da Lei que regula o financiamento dos partidos. Neste sentido, salientou que “nos últimos anos se fixeron grandes avances en materia de lexislación estatal, coa prohibición de doazóns de persoas xurídicas, de persoas anónimas e de persoas físicas superiores a 50.000 euros ao ano; a prohibición de condonacións totais ou parciais de débeda por parte das entidades de crédito; a transparencia en internet dos créditos pendentes de amortización: contía, entidade concedente, prazo e tipo de interese; a atribución de responsabilidade penal aos partidos políticos; a regulación completa das fundacións e asociacións vinculadas; e a capacidade de sanción directa por parte do Tribunal de Cuentas

“Esta proposición de lei autonómica non só complementa este enfoque, senón que se avanza aínda máis”, indicou Puy. Neste sentido, explicou que se prohibe a doazón de bens inmobles; se restrinxen aínda máis as doazóns de persoas físicas, excluíndo a todas aquelas que teñan unha relación económica directa co sector público autonómico e poidan, polo tanto, querer usar as súas doazóns a xeito de influencia sobre as decisións dos partidos; se iguala totalmente o réxime de financiamento das formacións políticas co das súas fundacións, para que non haxa oco posible; e se introducen incompatibilidades importantes tamén para os administradores electorais. O portavoz popular manifestou que “se establece un sistema de financiamento das formacións políticas eminentemente publico”. Así, en primeiro lugar, estará vinculado cos procesos electorais, tanto estatais como autonómicos; coa representación que acaden nas distintas cámaras; co funcionamento ordinario tanto dos partidos como das fundacións; e cos ingresos privados a través de afiliados e as doazóns de persoas físicas, cunha prohibición que en Galicia se estende ás persoas ou os seus familiares máis próximos que teñan participacións en empresas que contraten coa Administración autonómica.Así mesmo, Puy subliñou que se establece un “control máis intenso e as sancións son máis automáticas”.

O Consello de Contas fará públicos os informes sobre as subvencións electorais aos seis meses das eleccións e a Xunta fará públicas as subvencións para gastos de funcionamento aos tres meses desde a concesión. Ademais, os requisitos para a percepción dos gastos de funcionamento endurécense con relación ao texto inicial logo das transaccións acadadas entre os grupos parlamentarios.
Gabinete de Comunicación do PPdeG