Skip to main content

O BNG considera posible un 25 de xullo cunha celebración unitaria

O portavoz nacional, Xavier Vence, amosou o seu convencemento de que “avanzan por bo camiño os pasos que se están dando” para a celebración dun Día da Patria unitario coa participación conxunta de todo o nacionalismo organizado e non organizado.

“Estamos nun diálogo entre forzas políticas nacionalistas para concorrer a unha mobilización unitaria o 25 de Xullo, hai un acordo substancial nesa dirección”, explicou, tras asegurar que é un desexo compartido por moita cidadanía, “que está a facer chamamentos a ese acto unitario”.

“Será a oportunidade para que compartamos todos e todas esa reivindicación, máis necesaria que nunca, dos dereitos nacionais de Galiza, e camiñar xuntos na defensa do que son os nosos sinais de identidade e das aspiracións que temos como país”, argumentou Vence.

O dirixente nacionalista, a preguntas dos medios, non quixo entrar nos detalles da celebración alegando que as distintas forzas políticas están “ultimando” cal debe ser a forma concreta, aínda que avanzou que terá “unha participación directa de todas as persoas, colectivos e cidadanía que está a demandar un 25 de xullo unitario”.

Neste sentido, barállase que a tradicional manifestación que remata na Praza da Quintana este encabezada por personalidades significativas sen adscrición partidaria. “O máis probable é que haxa unha presidencia da manifestación por parte de persoas non partidarias e detrás todas as organizacións políticas, sociais e de todo tipo que queiran participar nese 25 de xullo de unidade”.

Esa mobilización conxunta, explicou, tería unha “mensaxe compartida”, con independencia de que as organizacións asistan coa súa personalidade e singularidade.

“Confiamos en que este Día da Patria sexa compartido por tod@s @s nacionalistas e por todas as organizacións nacionalista. Desde o BNG estamos traballando nesa dirección e poñendo o noso grao de area para que sexa o 25X de todos e de todas”, concluíu Vence.
Gabinete de Comunicación do BNG