Skip to main content

AGE di que Feijóo bloquea a comisión das caixas para ocultar a súa responsabilidade na desfeita da fusión

Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o bloqueo ao que o PP somete a comisión parlamentaria de investigación sobre as antigas caixas de aforro obedece a unha razón fundamental: o interese de Alberto Núñez Feijóo por ocultar as súas responsabilidades directas na desfeita que desembocou na liquidación das entidades. “Nós queremos que Feijóo non eluda a explicación do seu papel nas decisións que conduciron á liquidación das caixas”, afirma o deputado Antón Sánchez, “por iso esiximos a reapertura da comisión parlamentaria e as comparecencias e información precisas para esclarecer o proceso”.

Quen foi supervisor do Banco de España na época da fusión, Pedro González, vén de declarar, na Audiencia Nacional, que a entidade “non era favorábel á fusión” e que unicamente foi adiante polo “empeño” da Xunta de Alebrto Núñez Feijóo. Os n´meros, afirmou González, "non daban”. O goberno galego non dubidou en disfrazar un documento da compañía KPMG como “auditoría” aínda que sabían que non se trataba, segundo a propia consultora indicaba, máis que dun “diagnóstico acelerado sobre aspectos limitados, parciais e previamente fixados” pola propia Xunta, sobre datos achegados pola Consellaría de Facenda, nunha “carta de encargo”. KPMG mesmo afirmaba que as conclusións do informe “non era recomendacións de fusión”, contra o que despois afirmou, nunha secuencia continua de embustes, o propio Feijóo.

Esa carta de encargo, denuncia o deputado de AGE, “é un documento chave do proceso que fixaba os documentos a estudar”. Pois ben, ese papel desapareceu da comisión parlamentaria de investigación sobre o asunto. “É algo intolerábel”, sinala Sánchez. Alternativa Galega de Esquerda reclamou a carta infrutuosamente en numerosas ocasións.

“A ocultación de información e o bloqueo da comisión do Parlamento só amosan que Feijóo pretende gañar tempo e agochar a súa responsabilidade directa na desaparición das caixas”, conclúe Antón Sánchez. Así, Alternativa Galega de Esquerda vén de rexistrar unha petición parlamentaria para solicitar a reapertura da mencionada comisión e mais a comparecencia na mesma de Pedro González, o xefe supervisor do Banco de España no intre da fusión, e que este aclare as súas afirmacións sobre o carácter político non amparado polos números de toda a operación.
Gabinete de Comunicación de AGE