Skip to main content

Máis de 200 empresas amosan interese polo polo industrial e tecnolóxico galego de avións non tripulaos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou que máis de 200 empresas amosaron formalmente o seu interese por participar no polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados impulsado pola Xunta. O Goberno galego lanzou o mes pasado unha convocatoria para que as compañías interesadas en converterse en socio industrial do proxecto, ou en participar nos procesos de compra pública innovadora que se levarán a cabo, manifestasen o seu interese. Tras o remate do prazo o pasado día 30, dixo Conde, o elevado número de compañías que responderon indica o respaldo do sector ao proxecto.

“É a demostración clara de que o sector ve neste proxecto da Xunta de Galicia un elemento para desenvolver aquí en Galicia un polo industrial e tecnolóxico no eido dos avións non tripulados”, sinalou Conde, que lembrou que o Goberno galego investirá 45 millóns en impulsar este polo a través da contratación dun ou varios socios industriais, así como de compra pública innovadora de tecnoloxía relacionada con este ámbito.

Ademais de compañías galegas e españolas, apuntou o conselleiro, teñen amosado o seu interese empresas procedentes de países como Estados Unidos, Israel, Romanía ou Italia. As seleccionadas terán un papel fundamental no impulso a un polo que, salientou Conde, ten como un dos seus grandes eixos ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, no que Xunta e Inta están a investir dez millóns de euros, pero que tamén terá como piares outras zonas de Galicia. Neste senso, incidiu no potencial das capacidades ourensanas, a través de empresas como Aernnova ou da nova titulación en aeronáutica, e na decisiva contribución da capacidade industrial xa instalada na área de Vigo, a través de compañías como Delta Vigo e as compañías do Consorcio Aeronáutico Galego.

Conde subliñou que, precisamente, unha das claves do proxecto é a participación das pemes, centros tecnoñóxicos e universidades galegas no proxecto, aliándose coas empresas líderes doutras rexións e países. Todas elas participarán os próximos días 20 e 21 de xullo nun evento que, sinalou o conselleiro, se celebrará en Santiago, “no que explicaremos as condicións para participar no proceso”, e no que a Xunta porá en contacto aos candidatos para ser o gran socio industrial do proxecto, coas pemes galegas interesadas en establecer alianzas con eles.

Conde, que enmarcou esta iniciativa no impulso á reindustrialización de Galicia que marca a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, subliñou que este proxecto permitirá converter a Galicia nun referente neste ámbito, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como industrial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia