Skip to main content

Destácase a coordinación e integración do sistema galego de servizos sociais en Lisboa

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, expuxo ante responsables europeos as principais características do sistema galego de servizos sociais, entre as que destacou especialmente a súa “coordinación e integración”. O obxectivo, proseguiu, é contar cuns “servizos eficaces e eficientes”.

Así o salientou durante a súa participación na mesa redonda da sesión plenaria da 23 Conferencia europea de servizos sociais que se está a celebrar desde o luns e ata hoxe en Lisboa. Esta iniciativa, organizada anualmente pola Rede Social Europea (ESN), ten como tema principal este ano “estimular a colaboración para mellorar en vidas”.

A mesa redonda na que participou Mato centrouse en cómo unha asistencia integrada centrada nas persoas pode mellorar os resultados, e como grazas á cooperación é posible prestar servizos de maneira máis coordinada e eficaz.

Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé en cinco fitos fundamentais: a coordinación sociosanitaria, o novo modelo de carteiras, a aposta pola inclusión activa, o fomento das novas tecnoloxías, e a loita contra a crise demográfica. Ademais, puxo en valor experiencias de coordinación, como o Proxecto Symbios en materia de demografía ou a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En canto á coordinación, un dos temas principais da Conferencia, apuntou que é preciso “superar a tradicional idea de curar —vinculada á sanidade—, para engadirlle a de previr e coidar —ligada aos servizos sociais—”. De aí que Galicia teña apostado pola coordinación sociosanitaria, un esforzo que se ten plasmado en documentos como o Plan de atención sociosanitaria, a Estratexia de cronicidade ou a de Prevención da dependencia.

Tamén neste mesmo eido da coordinación, valorou a necesidade de integrar “emprego e benestar”, un avance que se reflicte no compromiso da Xunta coa “inclusión activa”, que busca ofrecer aos beneficiarios unha “saída definitiva” ás situacións de risco. Para conseguilo, entre outras actuacións, articulouse unha nova Risga na Lei de inclusión social, creáronse programas innovadores de contratación de persoas perceptoras desta prestación, e estanse a elaborar itinerarios personalizados de inserción.

Con todo, a conselleira sinalou que a coordinación non se limita só a establecer sinerxías entre departamentos, senón en aproveitar tamén o traballo en rede con outros territorios, como se está a facer na loita contra a crise demográfica. Nesta materia, apostouse polo esforzo conxunto, a través do Plan de dinamización demográfica, pero tamén se impulsou a creación en España dun Foro de rexións con desafíos demográficos (Fredd) que, ademais de buscar solucións en común, expuxo esta problemática ante as máis importantes instancias europeas e estatais.

Nesta mesma temática, Galicia lidera tamén o Proxecto Symbios, que ten como meta atopar solucións contra as situacións de exclusión territorial xeradas pola crise demográfica. A comunidade autónoma é, ademais, membro da Rede de rexións afectadas polo cambio demográfico (DCRN), xunto con outras 40 rexións europeas.

Galicia-Norte de Portugal

Na colaboración interrexional, é tamén importante destacar o traballo “especialmente notable” que se desenvolve na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, no marco do Poctep (Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal). No seu seo, téñense impulsado importantes proxectos en diversos eidos como o sanitario, o social ou o laboral, a través de iniciativas como o Envellecemento máis activo, para a mellora das condicións de vida dos maiores e a innovación tecnolóxica; ou, en materia de emprego, o Eures Transfronteirizo, que xoga un importante papel na mobilidade laboral dos traballadores da Eurorrexión. Tamén existe outras actuacións como o NACCE, dirixida ao fortalecemento dos sectores TIC.

Ademais da coordinación, Mato apostou pola “especialización” nos servizos sociais co fin de prestar unha atención adaptada ás “necesidades reais” das persoas. Neste campo, Galicia puxo en marcha o novo modelo de carteiras, que inclúe un total de catro: para persoas en situación de dependencia (xa en funcionamento), para persoas con autonomía, para familia e infancia, e para a inclusión.

Xa por último, a conselleira afirmou que “para lograr unhas políticas sociais máis eficientes hai que contar con esa gran ferramenta que son as novas tecnoloxías”. O seu uso permite axilizar todos os trámites, facilitar as xestións, e optimizar o investimento social. Supoñen tamén un avance na prestación de servizos, especialmente en ámbitos como a prevención da dependencia, o envellecemento activo ou a autonomía persoal. Así, sistemas avanzados de teleprevención como Miavizor, SAM-TV ou Telexerontoloxía supoñen un “paso máis” sobre a teleasistencia tradicional. As novas tecnoloxías tamén permiten outros avances como o expediente dixital; o informe social unificado; ou a historia social única na que se está traballando actualmente, e que constitúe un paso previo á historia sociosanitaria única.

Mesa redonda

A mesa estivo presidida por Hugh Frazer, profesor adxunto de Estudos Sociais Aplicados da Universidade de Maynooth (Irlanda) e coordinador da Rede Europea de Política Social. Entre os participantes, ademais da conselleira, estivo o Ministro de Sanidade de Portugal, Paulo Macedo; o vicepresidente do comité de protección social da Unión Europea, Muriel Rabau; a secretaria de Estado para Asuntos Sociais e Emprego dos Países Baixos, Jetta Klijnsma; a secretaria de Estado para a Pobreza, Igualdade de Oportunidades e Persoas con discapacidade de Bélxica, Elke Sleurs; o xefe da unidade de inclusión social e redución da pobreza da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Stefan Olsson; e o presidente da Asociación de directores dos servizos sociais para adultos de Inglaterra, Ray James

Ao longo de toda a conferencia, interviron responsables políticos de alto nivel, entre os que se atopan, entre outros, o Ministro de Solidariedade, Emprego e Seguridade Social de Portugal, Pedro Mota; a Comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidade e Mobilidade laboral, Marianne Thyssen, ou a Ministra de Familia e Integración de Luxemburgo, Corinne Cahen.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia