Skip to main content

O BNG denuncia que o PPdeG impide que Feijóo fale do sector leiteiro no Parlamento

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera explicou, tras a Xunta de portavoces, que a iniciativa do BNG á que se sumou o resto da oposición para celebrar un pleno extraordinario no que o Presidente Feijóo comparecera, “con urxencia” polo sector leiteiro, foi rexeitada polo Partido popular que no seu lugar propuxo a propuxo a comparecencia da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana no vindeiro pleno ordinario.
Jorquera manifestou que a actitude do PP na Xunta de portavoces “é a mesma que a da Xunta. Santiago e Lugo tomados polos tractores, o campo levantado e a Xunta mirando para outro lado”.

Por outra parte, o PP tamén rexeitou a proposta de declaración institucional para que o Parlamento galego manifeste todo o seu apoio ás demandas dos gandeiros galegos e que todas as institucións galegas, comezando polo Goberno e o seu presidente, “se poñan a disposición para por fin a esta grave situación.

Asemade, o BNG solicitou que de inmediato a Xunta se reúna coa plataforma convocante das tractoradas, petición que foi de novo rexeitada polo Partido popular.

Feijóo segue desprezando aos gandeiros

A actitude do PP na Xunta de Portavoces, reiterou Jorquera, “ilustra á perfección cal é a actitude da Xunta”. Resulta incríbel, dixo, que tras dous meses de mobilizacións e tractoradas, o Presidente da Xunta aínda non se reunira co sector leiteiro, o que demostra a “arrogancia e desprezo de Feijóo polos nosos gandeiros”.

Se hoxe Galiza está nesta situación, se os nosos produtores cobran os prezos máis baixos do Estado e de Europa é por falta “dunha estratexia da Xunta de Galicia” na defensa do sector e a irresponsabilidade de non ter preparado o noso sector leiteiro no fin de cotas, por iso avanzou Jorquera, imos preguntar ao Presidente da Xunta se vai seguir sen facer nada e deixando esmorecer o sector leitero. O nacionalista asegurou que Feijoo caracterizase por facer deixación sistemática das súas responsabilidades e aínda por riba ten a “desvergoña de tildar aos demais de irresponsables como fixo ante a multitudinaria manifestación de Vigo”.

Sobre este extremo , o BNG propuxo un punto no vindeiro pleno para debater a creación dunha comisión de investigación do proceso de privatización do novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo porque dun custe inicial de 450 millóns de euros, explicou o deputado, pasouse a un custe “total de 1.350 millóns de euros que terá que abonar a Xunta durante 20 anos”.

O BNG pide a dimisión da conselleira de Sanidade

Jorquera anunciou que na comparecencia de Rocio Mosquera no vindeiro pleno, o BNG pedirá a súa dimisión e se ela non o fai, vai ser o propio Feijóo quen acabará presentando a súa dimisión por que estamos ante un “escándalo maiúsculo”.

Noutra orde de cousas, o portavoz parlamentario anunciou que tamén serán debatidas á iniciativa do BNG: Unha moción sobre as tributacións das pensións de emigrantes retornados no estranxeiro, unha proposición non de lei sobre a prorroga da concesión de Ence-Elnosa na que instamos a Xunta a exercer as súas competencias e emitir un informe desfavorable á prorroga e unha proposta para modificar a lexislación estatal e galega en materia de violencia de xénero reclamando a figura de “feminicidio” con orzamentos e recursos para un apoio integral ás mulleres vítimas de violencia machista. Estamos, abondou, ante un problema de primeira orde, e un fenómeno de “terrorismo machista” e as ferramentas legais actuais son insuficientes.
Finalmente, o BNG preguntará á conselleira do Mar sobre o marisqueo na Ría de Arousa e que actuacións emprenderá o goberno ante a discriminación lingüística dunha menor nun centro hípico.
Gabinete de Comunicación do BNG