Skip to main content

Nava Castro destaca que o termalismo constitúe un dos produtos máis importantes e estratéxicos de Galicia como destino único

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron na sesión plenaria sobre Políticas Públicas en Termalismo do I Congreso Internacional da Auga celebrado no marco de Termatalia.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou as potencialidades da auga para o sector turístico galego, facendo fincapé no turismo de saúde e nas políticas levadas a cabo ao redor del para o seu desenvolvemento e fortalecemento.

Nava Castro explicou que Galicia posúe unha gran tradición milenaria vinculada ao termalismo atesourando a nosa comunidade máis de 300 captacións catalogadas. “Existe unha afloración mineiro-mediciñal por cada 10.000 habitantes polo que a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega”, afirmou.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que máis dunha vintena destas captacións teñen a cualificación de balneario, ocupando Galicia a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional.

Nava Castro referiuse tamén á calidade que define o sector termal galego destacando que Galicia é líder en balnearios certificados coa Q de Calidade. “En total 8 dos 37 balnearios de España con esta distinción atópanse en Galicia”, incidiu.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia expuxo as principais políticas públicas postas en marcha en torno ao termalismo recollidas no Plan Termal destacando que o termalismo constitúe un dos produtos máis importantes e estratéxicos de Galicia como destino único.

Por último, referiuse a Termatalia como “unha cita inescusable para calquera entidade que desexe promover e difundir o turismo de saúde do seu territorio”. Neste senso afirmou que a Xunta de Galicia sempre apostou pola súa continuidade como principal ferramenta de promoción do termalismo galego.

Nava Castro concluíu a súa intervención afirmando que “o turismo termal é un dos baluartes da comunidade galega que converte a experiencia turística nun novo modo de descubrir os atributos dun lugar único”.

Amplo programa

Con esta mesa deu comezou un amplo programa que conta con 50 comunicacións, ademais de posters, e que aborda un abanico moi amplo de temáticas ao redor de catro eixos, que son as augas mineromediciñais e termais, o patrimonio e a arquitectura termal, o turismo experiencial e de saúde e a investigación xeral sobre a auga.

Para abordar estas cuestións, á cita asisten expertos de Francia, Italia, Brasil, Arxentina, Estados Unidos, Portugal, Reino Unido, Ecuador, México, Finlandia e España.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia