Skip to main content

Saliéntanse as posibilidades do eólico offshore na diversificación do sector naval

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou, no marco da apertura da II Conferencia Internacional de Enerxías Offshore, as posibilidades que ofrece o desenvolvemento desta tecnoloxía para impulsar a diversificación do sector naval e acadar novos contratos nesta industria.

“O traballo dos estaleiros galegos xa lles está a permitir gañar contratos e posicionarse internacionalmente nun dos nichos de mercado máis prometedores e innovadores: o da eólica offshore”, incidiu Bernardo Tahoces. Neste sentido, o director xeral sinalou que, xunto á diversificación, a aposta por esta tecnoloxía contribúe tanto a potenciar a innovación da industria naval como a mellorar a competitividade do sector do metal.

Un camiño que, segundo explicou, xa está a percorrer Galicia a través de proxectos como o Wikinger ou o Hywind, que amosan a competitividade de Navantia situando ao estaleiro como un referente desta industria.

Neste marco, Bernardo Tahoces salientou a importancia desta II Conferencia Internacional de Enerxías Offshore. Unha iniciativa que, segundo explicou, permitirá impulsar actuacións de promoción da industria offshore, facilitando a presenza de empresas e institucións en novos proxectos relacionados con este eido.

Desta forma, sinalou o director xeral, a celebración en Vigo e Ferrol deste congreso situará a Galicia, durante os dous próximos días, como punto de encontro de distintos axentes do sector, promovendo o establecemento de novas relacións comerciais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia