Skip to main content

O BNG confirma a súa asistencia ao encontro de partidos por unha candidatura galega de unidade

O BNG anuncia que vai asistir á convocatoria realizada polas dúas plataformas cidadáns, -Iniciativa pola Unión e Encontro cidadán-, aberta a todas as forzas políticas para fixar posición sobre a conformación dunha candidatura galega de unidade que lle permita a Galiza ter grupo parlamentario propio no Congreso.

“Imos ir a esta convocatoria aberta a todos os partidos e a todas as organizacións que queiran traballar por unha candidatura galega de unidade e iremos coa mellor disposición para sumar, sumar en clave galega, para ter grupo parlamentario en Madrid”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.

Vence lamentou que as chamadas á unidade dalgunhas forzas políticas non se correspondan despois cos feitos. “Sinceramente, o que pode resultar cansino son os discursos vacuos e a falta de compromiso coas propostas e as plataformas que están traballando no país para construír unha candidatura galega de unidade”, indicou o dirixente nacionalista.

Nese sentido, insta a todas as forzas políticas a participar no encontro convocado polas plataformas cidadáns, abandonando “esa estratexia de declaracións vacuas e cínicas que non axudan a construír un proxecto que poda cimentar as bases dunha gran candidatura galega”, recalcou.

O BNG, lembrou Vence, ven traballando por esa candidatura con “absoluta xenerosidade e sen condición algunha, máis aló do que debería ser obvio para calquera forza nacionalista: construír todos e todas unha candidatura galega para ter un grupo parlamentario propio no Congreso” por primeira vez na historia.

“Un grupo con total autonomía para poder negociar co resto e sen supeditación a ningún grupo parlamentario de forzas estatais”, explicou.

O Bloque confía en que esa reunión coas dúas plataformas permita clarificar as posicións. “Precisamos ter unha gran representación en Madrid con voz propia e potente, porque será unha lexislatura na que Galiza se xogue moito. Esperemos que todos estean á altura das circunstancias”, reiterou Vence.

Gabinete de Comunicación do BNG