Skip to main content

O Museo Galego do Entroido permitirá mellorar a difusión e o coñecemento dos entroidos galegos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que o Museo Galego do Entroido permitirá mellorar a difusión e coñecemento dos entroidos galegos, que son "o resumo dunha forma de entender a vida", e, en particular, o de Xinzo de Limia, un dos poucos que conservou co paso do tempo todas as súas particularidades.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que este Museo é hoxe unha realidade grazas á colaboración entre as administracións e o investimento conxunto de case 450.000 euros.

Ademais, o titular do Goberno galego destacou que con este novo edificio se superará a gran eiva do entroido, que é o seu marcado carácter estacional. “Este Museo fará posible algo histórico: que en Xinzo poida ser entroido todo o ano”.

Nese sentido, Feijóo sinalou que unha das ambicións deste Goberno é apostar pola diversificación e a desestacionalización dun sector, o turístico, que está a ter un gran tirón na nosa economía e configuración social.

O presidente da Xunta explicou que se están a dar os pasos necesarios para fortalecer algúns dos nosos principais valores turísticos, como son o Camiño de Santiago e o termalismo.

Novo albergue de peregrinos

O titular do Goberno puxo en valor as boas cifras acadadas este ano en recepción de peregrinos. “No que vai de ano chegaron a Santiago preto de 250.000 peregrinos”, un 10% máis que no mesmo período do ano anterior. Tamén destacou o aumento da afluencia de peregrinos na Vía da Prata, Ruta Xacobea que atravesa Xinzo e que rexistrou un incremento do 8%. Para acollelos, Feijóo confirmou que a localidade contará proximamente cun novo albergue de peregrinos, que “xa está finalizado”.

Termalismo

O presidente da Xunta destacou o impulso do turismo termal a través do Plan termal como exemplo da aposta deste Goberno pola diversificación e desestacionalización do sector.

Segundo explicou Feijóo, o Plan Termal impulsa a posición de liderado de Ourense e Galicia nese sector, convérteo en abandeirado do turismo de calidade e fai do termalismo unha opción que conxuga ocio e saúde.

Plan de regadío

Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo confirmou que os Orzamentos do ano 2016, que aprobará en 90 días o Parlamento galego, incluirán unha partida para o Plan de regadío, unha reivindicación dos agricultores da Limia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia