Skip to main content

A Xunta destaca a importancia do sector do xogo para a economía da nosa Comunidade

Rueda subliñou a relevancia deste tipo de reunións, que contan coa presenza de grandes empresas e asociacións do sector do xogo e que converten estes días a Galicia no epicentro do xogo en España.

Rueda clausurou o II Encontro AGEO para a competitividade do sector, organizado pola Asociación Galega de Empresas Operadoras e que reuniu a máis de 150 empresarios do sector do xogo, e onde Rueda lembrou que o papel da Administración autonómica é facilitar os proxectos que veñen avalados por centos de galegos e galegas que demandan estes produtos e servizos, polo que o Executivo autonómico seguirá apoiándoo a través de propostas que conxuguen os intereses dos operadores co interese xeral.

Así, por exemplo, a Xunta modificou os seus regulamentos para adaptalos aos requisitos da Directiva Europea de Servizos, eliminando trabas administrativas que eran excesivas e limitaban a capacidade de manobra das empresas. En 2012 aprobouse o regulamento galego de apostas, sendo a sexta comunidade en telo en vigor.

Tamén se modificou o regulamento de máquinas para permitir os sistemas de interconexión entre elas e o do xogo do bingo, co obxectivo de regular a súa modalidade electrónica e para poder efectuar axilmente mediante orde os cambios sobre cartóns e premios que o seu dinamismo require. E este ano aprobarase a regulación dos casinos, para así ter unha unha regulación completa e moderna, que compatibilice os requisitos necesarios e xusto pago dos impostos coa axilidade necesaria para un sector en constante evolución.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia