Skip to main content

Chamamento da Xunta a todas as organizacións profesionais agrarias para que se sumen ao acordo lácteo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse en San Caetano cos secretarios xerais de Asaja-Galicia, Francisco Bello; Unións Agrarias, Roberto García, e Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba. No encontro, a conselleira informou aos representantes das organizacións profesionais agrarias sobre os principais contidos e liñas xerais dos orzamentos do seu departamento para 2016, que presentou onte na Comisión 3ª do Parlamento galego.

Ángeles Vázquez transmitiulles que Medio Rural xestionará en 2016 un total de 503.522.539 euros, un 4,56% máis que no ano 2015 e por riba da media do incremento do orzamento xeral da Xunta. Este aumento suporá que haberá case 22 millóns de euros máis para destinar ao agro galego, tal e como destacou a conselleira.

A titular de Medio Rural dixo que consideraba oportuno convocar aos representantes destas organizacións para presentarlles os orzamentos da Consellería, tras facelo onte na Cámara autonómica. Engadiu que a xuntanza serviu tamén para que puideran manifestar as súas inquedanzas e achegas en relación cos grandes temas que interesan ao medio rural galego.

Prezos do leite

Sobre a evolución dos prezos do leite, a conselleira lembrou que se incrementaron levemente no último mes e manifestou, unha vez máis, o seu desexo de que esta suba fose maior. Dixo que non está satisfeita con este incremento, pero que sería moito peor se a evolución fóra á baixa, polo que cualificou como un “paso positivo” este crecemento.

A conselleira fixo tamén unha chamada a todas as organizacións profesionais agrarias a que se sumen ao acordo lácteo porque –sinalou– “é o mellor que poden facer por Galicia”. Deste xeito, engadiu, “instarían a que se cumprira o acordo dende o principio ata o final”. En todo caso, advertiu de novo que “esta Consellería vai estar vixiante” sobre o cumprimento do acordo. Lembrou que o primeiro informe sobre a súa evolución será público no mes de decembro, tal e como se acordou entre as partes, na liña de que cada trimestre se emitise un documento sobre o particular. Estes estudos permitirán coñecer con toda transparencia os prezos pagados e cobrados por todos os actores da cadea de valor e máis en concreto os prezos de cesión.

Fotografía: Carlos Rodríguez Arias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia