Skip to main content

A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas 2019 a Antón Fraguas

Discípulo de Castelao e de Losada Diéguez -de quen foi alumno de bacharelato en Pontevedra-, pasou a súa etapa universitaria en Santiago de Compostela onde en 1928 se licenciou en Filosofía e Letras. Posteriormente doutorouse na Universidade de Madrid cunha tese sobre o colexio de Fonseca.

Foi na capital de Galicia onde pasou a formar parte activa da intelectualidade galeguista da época, xa que ingresou nas Irmandades da Fala e comezou a colaborar nas seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore do Seminario de Estudos Galegos. Dentro do Seminario iniciou o estudo da xeografía histórica de Galicia (con especial atención ás Rías Baixas e á zona de Cercedo-Cotobade, onde nacera), e dos costumes arredor do Entroido. Así mesmo foi parte activa da transformación deste órgano no actual Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que exerceu como bibliotecario, secretario e director da sección de Etnografía e Folclore.

En maio de 1951 ingresou na Real Academia Galega, na cadeira que deixara o seu profesor Alfonso Rodríguez Castelao; e en 1963 foi nomeado director do actual Museo do Pobo Galego. Tamén tivo responsabilidades no Consello da Cultura Galega (onde coordinou a sección de Antropoloxía), foi membro numerario da Real Academia Galega de ciencias e da Real Academia da Historia; e exerceu como Cronista Oficial de Galicia (desde 1992), entre outros.

No seu haber figuran recoñecementos coma o Premio Trasalba en 1985, o premio Otero Pedrayo en 1992, a Medalla Castelao, e o premio das Artes e das Letras en Galicia. Entre as súas obras figuran ensaios en galego sobre Murguía, a Literatura oral en Galicia, sobre o Entroido, ou sobre as festas populares. Tamén publicou en castelán obras sobre a xeografía de Galicia ou o traxe galego entre outros.

Ao longo dos próximos meses, diversas institucións galegas (Consellería de Cultura e Educación, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Fundación Antonio Fraguas, Concello de Cerdedo-Cotobade, etc.) traballarán para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2019.
R.