Skip to main content

O Bono Emprega Automoción con axudas para formación á carta pode solicitarse ata o 30 de setembro

Esta actuación forma parte dun programa máis amplo, Emprega Automoción, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca atender as necesidades dun sector que está en auxe en Galicia apoiando a formación a medida para dar resposta aos novos perfís profesionais que nacen da man das novas tecnoloxías. Este plan inclúe, ademais das axudas do bono, outras dúas liñas de actuación: as Unidades Formativas e os cursos de formación para desempregados (AFD).

En global, impúlsase a través deste plan a creación de emprego de calidade para o que se investirán 20 millóns de euros ata 2020 para formar a 9000 persoas.

Para as Unidades Formativas, tanto para desempregados como ocupados, destinaranse 1,5 millóns de euros anuais para capacitar a 1000 persoas -tamén cada anualidade- a través do desenvolvemento de 200 cursos ata 2020. Esta iniciativa permite ás empresas que elixan e impartan a formación, que será financiada ao 100% pola Xunta. No caso de desempregados, as firmas teñen que adquirir un compromiso mínimo de contratación do 40% dos alumnos que se cualifiquen. Se a compañía supera ese mínimo, a Xunta incentiva a contratación con apoios que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros.

O terceiro eixo de Emprega Automoción, os cursos de formación para desempregados (AFD), inclúe un orzamento de 2 millóns de euros ao ano para formar a 500 persoas cada anualidade a través de 100 cursos en 3 anos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia accións que estean principalmente relacionadas coa Industria 4.0 e o uso das novas tecnoloxías. A cualificación que se imparte por medio desta actuación é homologada con certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado. Son axudas ás que poden acceder entidades titulares de centros formativos e aquelas acreditadas para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral de Galicia: empresas, asociacións sen ánimo de lucro e concellos.
R.