Skip to main content

Os artistas Manuel Eirís e Miguel Marina abren a temporada expositiva da Fundación DIDAC

A mostra, comisariada por Mónica Maneiro, reunirá pezas inéditas e traballos realizados polos creadores nos últimos anos.

Aínda que de distintas xeracións, os dous artistas entenden a pintura dende un punto de vista que se achega á abstracción e á monocromía como elementos plásticos pero no que a memoria e a vivencia xogan un papel fundamental na construción do imaxinario proposto dentro da exposición.

Manuel Eirís

No caso de Manuel Eirís, a pintura xoga coa idea de cata. O pintor traballa como un arqueólogo buscando ás veces o que se agocha por detrás da pintura, como xa o fixera na serie Desocultamentos que lle mereceu acadar o Premio Auditorio de Galicia para novos artistas no ano 2004. Tamén a súa obra percorre procesos contrarios, ocultando a pintura das capas inferiores nesas obras monocromas construídas a partir da sucesión de engadidos pictóricos e que tan só nos deixan entrever o que agochan cando nos achegamos como espectadores aos cantos da obra, nos que se adiviña a presenza da cor en toda a súa riqueza de gama.

Manuel Eirís é Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2003), con Máster en Belas Artes na AKV St. Joost de Breda (Holanda) en 2011 e un posgrao obtido en 2013 no Hoger Instituut voor Schone Kunsten (HISK) en Gante, Bélxica. En 2007 fíxose co Primeiro Premio da V edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. En 2012 conseguiu un accésit ao 22 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos e ese mesmo ano foi merecedor do Premio Generación 2013 de Caja Madrid. En 2017 foi gañador do Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación Coruña.

Miguel Marina

Miguel Marina pola súa banda enfronta a pintura avanzando cara a abstracción. O poder do esvaemento da cor nas súas obras sobre papel cheas de levidade, lévanos a un traballo no que a sutileza dos materiais entronca cun modo de facer e no que a presenza do cotiá faise cada vez máis grande. As obras de Miguel Marina presentes na exposición son froito do traballo realizado en Roma con motivo da súa recente residencia na Academia de España. A presenza da paisaxe romana, a evocación da arquitectura e sobre todo do río, queda patente nunha pintura chea de desgaste e rastro, sen cores fixas, mutable e alterable, do mesmo xeito que as pátinas de cor da cidade.

Miguel Marina é Licenciado en Belas Artes pola UCM (2013). En 2010, o seu paso pola Accademia di Belle Arti di Bologna supón un complemento formativo no que entra en contacto coas cátedras de pintura de Luca Caccioni e Massimo Pulini. Como residente participou dos programas da Academia de Italia en Roma (2017-2018), a Casa de Velázquez na Academia de Francia (2013) e no Palacio de Quintanar en Segovia, (2012).

Fundación DIDAC

Con esta exposición, a Fundación DIDAC retoma a actividade que nos próximos meses completarase coas mostras individuais do artista galego Antón Reixa e a valenciana Irene Grau, así como os encontros e conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación, programación que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Nos próximos meses, a Fundación DIDAC continuará coas conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación para seguir coa reflexión de importantes persoeiros da cultura galega sobre a creación en Galicia no século XX. As datas e títulos das próximas conferencias estarán pronto na páxina web da Fundación DIDAC para todos aqueles que queiran reservar a súa praza de asistencia. Como na anterior edición, as conferencias serán de carácter gratuíto para todas/os os asistentes e terán lugar no espazo da Fundación en Santiago de Compostela así como en outras institucións culturais da provincia.
R.