Skip to main content

O Sergas convoca 512 prazas de médicos na súa oferta pública de emprego para 2018 e reforza a aposta pola atención primaria

O Servizo Galego de Saúde convocará un total de 1.400 prazas na súa oferta pública de emprego de persoal estatutario deste ano, segundo lle comunicou esta mañá a directora xeral de Recursos Humanos do departamento sanitario autonómico, Margarita Prado Vaamonde, aos sindicatos en mesa sectorial. Nesta convocatoria de oferta pública de emprego esgótase a taxa de reposición do 100%

Destas 1.400 prazas, 512 corresponden a licenciados sanitarios e delas 116 destínanse a atención primaria, nas categorías de médicos de familia, pediatría e odontoloxía. O Servizo Galego de Saúde aposta deste xeito por reforzar a atención primaria, xa que tanto pediatría no primeiro nivel asistencial como médicos de familia son as dúas categorías que máis prazas ofertan nesta convocatoria.

Enfermería especializada

Tamén se convocan prazas de especialistas para enfermería, cun total de 86 postos para enfermería familiar e comunitaria, enfermería pediátrica, enfermería de saúde mental e enfermería obstétrico-xinecolóxica. O Sergas foi un dos primeiros servizos de saúde en incluír as categorías de especialistas en enfermería familiar e comunitaria e enfermería pediátrica; así se fixo polo decreto 81/2016, do 23 de xuño, pola que se crea no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista. Estas prazas englóbanse dentro das 659 ofertadas a diplomados sanitarios e de formación profesional. Completan a oferta as 229 prazas de xestión e servizos.
R.