Skip to main content

Case 40 millóns de euros en 2019 para manter o impulso ás políticas de rehabilitación e de acceso á vivenda social

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que as políticas de vivenda será unha das principais apostas do departamento que dirixe, grazas ao orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que xestionará case 40 millóns de euros, cos que manterá o impulso ás políticas de rehabilitación e de acceso á vivenda.

Así o puxo de manifesto durante a reunión do Consello do Observatorio de Vivenda de Galicia, aos que agradeceu a participación e as achegas desde a súa experiencia para avanzar nun obxectivo común: coñecer o mercado da vivenda na Comunidade galega.

A aposta pola rehabilitación concrétase nunha partida de preto de 36 millóns, o que supón un incremento dun 9% máis que no ano anterior; que permitirá o desenvolvemento de actuacións ao abeiro de programas como o Rexurbe, que terá 7,3 millóns; as áreas de rehabilitación integral (ARI), ás que se destinan 6,5 millóns de euros; ou o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, con 1,6 millóns.

Outra das apostas son as políticas de vivenda social e acceso á vivenda, ás que por distintos programas se dedicarán 24 millóns de euros, para facilitar unha vivendas ás persoas afectadas por un desafiuzamento e por impagos de alugueiro ou hipoteca (2,6 M€); facilitando un Bono de Alugueiro Social ás familias (2,2 M€); e se investirán 2 millóns na construción de vivendas para persoas maiores.

Tamén se actuará no parque público de vivendas, dedicando 7,6 M€ á dotación de novas vivendas de promoción pública e destinando 1,6 millóns ao mantemento do parque público de vivendas en alugueiro e 7,2 ao acceso a vivenda a través de alugueiro; medidas ás que se suman os 800.000 euros a axudas para facilitar o acceso a vivenda a menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Observatorio de vivenda de Galicia

A conselleira agradeceu aos membros do Observatorio da Vivenda de Galicia o traballo que realizan, xa que permite á Administración e ao sector privado, manexar información moito máis detallada sobre este materia, que facilita unha maior capacidade á hora de tomar decisións e de axeitar as políticas de vivenda ás necesidades dos galegos e galegas.

Defendeu este grupo de traballo como un instrumento eficaz para interpretar as demandas en materia de vivenda que ten a sociedade galega, coñecer a situación do mercado inmobiliario de Galicia, achegando unha visión realista que permite deseñar unhas políticas e medidas máis efectivas para garantir o acceso á vivenda.
R.