Skip to main content

Arrinca o Congreso Internacional Musapalabra, que afonda na xestión dos museos como espazos de cohesión social

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este venres no Museo Provincial, o Congreso Internacional Musapalabra. Museos Mediadores. Oficio de palabreros en libertad. Educa, media, comunica e xestiona. No acto, estivo acompañada pola Xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e coordinadora do proxectoCulturas en Diálogo, no que se enmarca este encontro e Víctor Fraga Gayoso.

“Un dos eixes deste congreso xirará en torno á necesidade de facer dos museos novos espazos educativos e convertelos en plataformas de socialización e construción de coñecemento dentro da estrutura institucional. Ademais, falarase de modelos de traballo en rede, coa colaboración entre profesionais de distintos ámbitos, o educativo, o terceiro sector, museos, artístico e a sociedade en xeral, para a reflexión, o intercambio de opinión no referente á transformación dos museos en espazos de cohesión social”, sinalou Porto.

A Deputada remarcou que “a inserción dos espazos museísticos como axentes implicados no cambio social é primordial para articular unha sociedade máis xusta e máis igualitaria. Por iso, este congreso está destinado a reforzar o compromiso social dos museos, que deben deixar atrás o seu rol tradicional e converterse en espazos de transformación social e cultural. Deben ser institucións vivas e xeradoras e impulsoras de desenvolvemento, ao servizo dunha sociedade mellor”.

Un dos obxectivos da presentación, acordes coa Rede Museística, é repensar o rol dos espazos museísticos na sociedade, deseñar propósitos estratéxicos e inclusivos e identificar cambios e tendencias innovadoras que podan contribuír a unha cohesión social.

Proxecto Culturas en Diálogo

O congreso enmárcase dentro do proxecto Cultura en diálogos iniciado en 2000, que gañou o Premio Ibermuseos na Convocatoria de Conversacións 2017. Nel participan diferentes museos españois, americanos e europeos, coa intención de establecer canles de diálogos entre ambos os dous continentes e construír colaboracións entre a Rede Museística Provincial e asociacións de inmigrantes en América do Sur.

Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía

A celebración deste congreso é o broche de ouro que pon fin a este proxecto, iniciado en 2000, e é o punto de partida para a XX Conferencia Internacional de MINOM (Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía), que se celebrará en Lugo durante o primeiro trimestre de 2019, e durante o cal os museos da provincia se converterán nun lugar de encontro para profesionais de prestixio de museos de todo o mundo.

A Deputación de Lugo é a única institución en España que traballa de xeito permanente dende os catro museos provincias con este modelo de sociomuseoloxía, que comparte co MINOM. Trátase dun modelo que estudan 9 universidades e 11 países e que fixo da Rede Museística Provincial un referente na corrente da Museoloxía Social en Europa.

O MINOM é unha rama do Consello Internacional de Museos (ICOM) que busca que as institucións museísticas xeren accións patrimoniais nas que se impliquen aos colectivos sociais. Sobre esta situación, García Porto destacou que a decisión do MINOM de celebrar a súa Conferencia en 2019 supón un recoñecemento a nivel internacional do traballo realizado nos últimos anos pola Rede Museística da Deputación de Lugo, así como a proxección mundial desta rede, pioneira a nivel de Galicia no eido da Museoloxía Social.

Programa

O congreso terá lugar ata o 18 de decembro, coincidindo a súa clausura co Día Internacional do Emigrante. Durante as xornadas, desenvolveranse numerosos relatorios, encontros, exposicións, presentacións e mesas redondas sobre migración desde diferentes perspectivas.
R.