Skip to main content

Galicia presenta a Estratexia de cambio climático e enerxía co obxectivo de que a Comunidade sexa o antes posible neutra en emisión de gases de efecto invernadoiro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que Galicia conta xa cunha Estratexia de cambio climático e enerxía co fin de que a comunidade sexa o antes posible neutra en emisión de gases de efecto invernadoiro. “Estamos a falar dunha folla de ruta a longo prazo co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática en 2050”, dixo, precisando que o documento define catro ámbitos específicos de actuación.

Logo de subliñar que as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia estímanse no ano 2016 en 27,9 millóns de toneladas de CO2 -un 4,7% por debaixo do ano 1990 e un 22,4% por debaixo do ano 2005-, e presentan un comportamento máis favorable que as emisións do conxunto de España no mesmo período –Galicia é a terceira Comunidade que máis está reducir as súas emisións respecto a 1990-, Feijóo destacou o compromiso de trazar unha estratexia, co conxunto dos galegos, para acadar os obxectivos que se marca a Xunta: reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do 25% en 2030 e de máis do 80% en 2050.

Para acadar esta meta, o responsable do Goberno galego subliñou que o sector primario e o medio natural serán piares fundamentais da solución. Non en van, os montes galegos suman unha superficie de máis de 2 millóns de hectáreas que representan un 56,6% do territorio da Comunidade.

Ademais, a estratexia aposta por un modelo enerxético baseado nas enerxías limpas e a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores, e avoga , tamén, por sumar esforzos das distintas administracións, empresas, entidades e da poboación, definindo obxectivos e distribuíndo responsabilidades.

“E apostaremos polo talento investigador e pola innovación na Comunidade para converternos nunha rexión exportadora de coñecemento”, aseverou, ao que engadiu que esta estratexia será o marco para que Galicia capte fondos para desenvolver actuacións fronte ao cambio climático á vez que xera novas oportunidades empresariais, abre novas liñas de negocio, fomenta o emprego verde e fixa poboación.

Tras meses de traballo, a Estratexia identifica catro ámbitos de actuación cos seus correspondentes obxectivos: dous deles establecidos pola axenda internacional -a mitigación para afrontar o cambio climático desde as súas causas e a adaptación-; e, outros dous definidos polo Goberno galego -a investigación e a innovación; e a educación, sensibilización e gobernanza.

En relación ao primeiro ámbito de actuación, Feijóo explicou que a mitigación, terá como obxectivo reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e aumentar a absorción de CO2.

A adaptación fixa tres retos principais: desenvolver e manter redes de observación e modelos climáticos adaptados a Galicia. Todo elo, a través de medidas entre as que se inclúen a elaboración dun estudo sobre a vulnerabilidade da costa ou a mellora dos sistemas de resposta ante eventos extremos.

No eido da investigación e innovación, o presidente da Xunta subliñou a importancia da transferencia de coñecemento activo e eficaz das medidas, para elaborar mapas de coñecemento e capacidades do territorio. E, no ámbito social, avanzou tres obxectivos principais: incidir na educación e concienciación social, garantir o compromiso da Administración pública galega e impulsar a gobernanza climática transversal.

Neste último eido, xa se teñen dado os primeiros pasos coa posta en marcha, a principios de ano, da Oficina do pacto dos alcaldes, na que se fixo unha inversión de 1 millóns de euros e da que forman parte xa 23 concellos e 15 están en proceso.

Así mesmo, cómpre salientar que as medidas clasificaranse segundo o seu estado de desenvolvemento en medidas en implantación, medidas en programación e medidas en estudo.

Plan operativo 2018-2023

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo salientou que o Goberno galego conta xa co primeiro Plan operativo 2018-2023 que permitirá continuar e poñer en marcha máis de 120 medidas, coordinadas entre os distintos departamentos da Xunta.

Deste xeito, nos vindeiros anos, impulsaranse medidas como a elaboración dun mapa de carbono orgánico dos solos e fomentaranse medidas de seguimento; aprobaranse instrumentos de xestión integrada do litoral e un plan de adaptación de costas (portos) ao cambio climático; e avaliaranse os impactos sobre as poboacións mariñas, o visor descrito.

Feijóo destacou o traballo da Xunta nesta senda desde hai varios anos, con iniciativas xa en marcha como a rehabilitación da envolvente das vivendas de protección oficial para reducir as emisións de carbono; o plan de incentivos ás enerxía renovables; as axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética en diversos sectores, como o sector industrial, o pesqueiro e acuícola; ou as medidas destinadas á prevención e xestión de riscos derivados de catástrofes naturais, son outros exemplos de iniciativas que se levarán a cabo. E, de cara á fomentar a mobilidade e o transporte sostible, ademais da intermodalidade, poranse en marcha os Sistemas de transporte Intelixente, que incluirán redes intelixentes de semáforos, peaxes automáticos canalizados, pasando pola xestión integral de autopistas e túneles, ata o deseño de dispositivos intelixentes incorporados aos vehículos comerciais e de transporte de pasaxeiros.

Por último, e para a captura de carbono, desenvolveranse axudas destinadas á reforestación, ao fomento da silvicultura; e impulsarase a utilización de instalacións, equipamentos en común e maquinaria agrícola en réxime asociativo.

“En definitiva, Galicia ten o obxectivo de ter os documentos finais da Estratexia e do primeiro Plan Operativo e aprobación da estratexia en xuño de 2019, un feito que nos da credibilidade nos Fondos Europeos, nos da credibilidade no conxunto de España e tamén no comité de Rexións de Europa”, sentenciou.
R.