Skip to main content

O paro baixa en Galicia en máis de 15.000 persoas mentres que a contratación indefinida sobe nun 7,71%

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado nunha visita que realizou á empresa Segundo Rey emprazada en Ames e dedicada á venda de cociñas, baños e cerámica. Destacou que Galicia está a consolidar o emprego creado nos últimos anos, xa que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións e a contratación indefinida e tempo completo seguen aumentando.

Deste xeito, Galicia comezou o ano 2019 con 15.086 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -7,94% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai unha década, xa que en xaneiro de 2009 había 201.316 parados fronte aos 174.800 do pasado xaneiro. Ademais, a caída de Galicia é superior a do Estado en 2,45 puntos, xa que en España o paro baixou nun 5,49%. Por sexto ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de xaneiro. O desemprego tamén baixou nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades, así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións continúan aumentando, nun 1,94% na comparativa anual, situándose a un nivel superior ao de hai 8 anos e encadeando case cinco anos de subidas consecutivas. Con respecto á contratación indefinida, aumentou nun 7,71%, a un ritmo moi superior ao reflectido no Estado, en case tres puntos. Ademais, os contratos indefinidos creceron en Galicia 5,59 puntos máis que os temporais. A tempo completo tamén medran, nun 3,11%.

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado é a segunda subida máis baixa desde o inicio da crise económica no ano 2008. Explicou, ademais, que o paro aumenta en xaneiro ao longo de toda a serie histórica, desde 1996 e que o crecemento do mes pasado é moi inferior á subida media reflectida en xaneiro dos últimos 10 anos. Con respecto a decembro, a contratación aumentou en Galicia en maior medida que no Estado, en 5,37 puntos máis e, ademais, a indefinida creceu nun 31,63%, 19,2 puntos por encima do crecemento dos contratos temporais. A tempo completo incrementouse nun 21,55%.

Para Toca, a caída do desemprego vén aparellada da consolidación do tecido empresarial galego que cada vez produce máis e mellor. Afirmou que a máxima do Goberno galego é seguir fortalecendo ás empresas galegas para que creza a súa competitividade, o que repercutirá na creación de emprego en Galicia e na mellora da súa calidade. Destacou que aínda queda moito esforzo por facer e que, por iso, a Administración autonómica segue impulsando as políticas activas de emprego e continúa traballando con estabilidade e certeza.

Os datos acadados este mes demostran, en palabras da secretaria xeral, que a calidade do mercado laboral galego está mellorando. “Contamos con máis emprego indefinido e a tempo completo na evolución anual e mensual”, engadiu. Por último, lembrou que os datos da EPA reflectiron que case 3 de cada 4 asalariados galegos son indefinidos (74,03%), sendo o 95% do emprego creado indefinido. Tamén recordou que a taxa de paro é a mellor da última década.

Por último, Toca indicou que o Goberno galego seguirá por este camiño para fixar as bases do emprego do futuro e para desenvolver políticas que xiren en torno á innovación e á formación para consolidar o emprego, atraer investimento a Galicia e chegar a novos mercados.

Paro por provincias e sectores

Por provincias, na evolución anual, Lugo liderou a caída (-8,72%), seguida de Pontevedra (-8,28%), A Coruña (-8,21%) e Ourense (-5,02%). Por sectores, destacou a baixada na construción (-18,19%), seguida da industria (-8,90%), da dos servizos (-6,31%) e da agricultura e a pesca (-6,24%).

Con respecto aos colectivos que máis dificultades teñen para atopar un traballo, descendeu nun -7,39% entre os menores de 30 anos; nun -12,78% nos parados de longa duración; e nun -6,64% nas mulleres.
R.