Skip to main content

A Xunta defende en Bucarest a necesidade de manter un forte investimento de fondos comunitarios a partir de 2021

Tendo en conta que un terzo de todo o gasto público e máis da metade do investimento público se realiza no plano subnacional, a declaración avoga por reforzar a base democrática da UE mediante unha cooperación leal entre todos os niveis de goberno e por consolidar a acción da UE a escala local co fin de construir un futuro mellor para os cidadáns. Entre as demandas formuladas, atopánse: reforzar a dimensión social da UE e o investimento da política de cohesión, dar máis marxe de manobra aos entes locais e rexionais para que poidan aumentar os investimentos públicos e convertir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 establecidos pola ONU no modelo económico xeral a longo prazo da UE.

Semanas antes das eleccións europeas e do cumio de Xefes de Estado e de Goberno que se celebrará en Sibiu (Romanía) o 9 de maio, os líderes rexionais e locais achegan con esta declaración a súa visión de cara ao próximo ciclo institucional 2019-2024, unha vez que se renove a composición do Parlamento Europeo e da Comisión Europea.

Futura asignación de fondos a Galicia

Un dos seis debates temáticos celebrados durante o cumio versou sobre a Política de Cohesión europea, participando como relatora a propia comisaria do ramo, a romanesa Corina Cretu. Jesús Gamallo chamou a atención sobre a paradoxa de que algunhas rexións europeas entre as que se atopa Galicia poderían percibir menos fondos a pesar de descender de categoría de rexión.

A proposta da Comisión Europea, publicada o pasado mes de maio, está a ser debatida polo Parlamento Europeo e o Consello, e está estreitamente vencellada ao debate sobre o futuro orzamento comunitario 2021-2024. Precisamente a Declaración de Bucarest insta aos líderes da UE a dotar á Unión Europea dun orzamento ambicioso que permita a elaboración de políticas europeas duraderas e sostibles, así como a acadar un acordo rápido sobre este orzamento.

Pósible prórroga da saída do Reino Unido da UE

Un dos debates máis interesantes deste cumio foi o celebrado co negociador xefe para a saída de Reino Unido da UE, Michel Barnier, quen insistiu en que o acordo alcanzado tras 20 meses de negociación non está aberto a modificacións durante unha posible prórroga do Brexit, despois de que o parlamento británico aprobase onte solicitar un aprazamento da saída prevista para o 29 de marzo.

Barnier apelou á colaboración dos entes locais e rexionais para construir unha Europa máis forte e para evitar a desinformación que se produciu en Reino Unido antes do referéndum sobre o Brexit, alertando de que o que realmente anhelan os promotores do Brexit é a destrución do proceso de construción europea.

A contribución das rexións e cidades ao Acordo de París sobre Cambio Climático, a participación cidadá a través dos diferentes sistemas de consultas postos en marcha nos últimos anos e a implicación dos mozos europeos - especialmente dos que se dedican á política - foron outros dos temas abordados durante o cumio. Precisamente, unha delegación de 100 políticos novos foi invitada a participar no cumio.

Participación galega no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea, incluidos a participación nos últimos cumios europeos de cidades e rexións celebrados en Bratislava en 2016, Atenas en 2014 e Copenhage en 2012.
R.