Skip to main content

O Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais amplía medios e esforzos na loita contra os incendios

Estas tres entidades traballan conxuntamente para garantir a seguridade de persoas e bens e para facilitar e axilizar os labores de xestión da biomasa. Por isto é fundamental que os concellos se adhiran a este acordo e que conten con cadanseu plan municipal de prevención e defensa: Se neste momento son 97 os concellos que xa contan co plan.

Foi fundamental ademais priorizar as parroquias atendendo ao seu risco de lumes e á súa historia de actividade incendiaria. A día de hoxe hai 70 parroquias identificadas nas que se vai realizar a xestión da biomasa no 100% das faixas secundarias.

Por último, destaca tamén a importancia das “aldeas-modelo”, nas que se porá en marcha actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros pegada ás vivendas, e que funcionarán como unha devasa natural contra o lume, facendo que non sexa necesario rozar todos os anos.

Máis de 7.000 persoas, 30 medios aéreos e 360 motobombas

Entre os medios técnicos e persoais que compoñen este operativo, unindo os aportados por concellos, Xunta e Estado, destacan os seguintes:

- Máis de 7.000 persoas, 30 medios aéreos e 360 motobombas. Hai que ter en conta que o persoal fixo descontinuo aportado pola Xunta de Galicia está despregado durante cinco meses, e non catro como o ano pasado.
- 118 cámaras de vixilancia fixa que cobren en total 1.800.000 hectáreas de territorio (máis da metade da superficie da nosa comunidade). Se o ano pasado eran 88 as que formaban a rede de videovixilancia forestal, este ano incorpóranse outras 30 cámaras de última xeración.
- Un proxecto piloto de alertas temperás en puntos estratéxicos, para recoller observacións meteorolóxicas fiables. A actualización constante de datos como a dirección e a velocidade do vento, a temperatura, a humidade ou a pluviometría, son fundamentais para a loita contra os incendios e a prevención. Isto vaise conseguir mediante a aplicación de tecnoloxía IOT (Internet of Things) e técnicas de Big Data na Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais de Galicia. Os primeiros obterán e analizarán os datos atmosféricos relevantes, e os segundos permitirán obter patróns de comportamento e, polo tanto, mellorar a predición e coordinación na extinción dos lumes.

Ademais, tamén se puxo en funcionamento un teléfono gratuíto para denunciar anonimamente actividades delituosas, o 900 815 085, para fomentar a sensibilización social e fomentar a colaboración de toda a cidadanía, que tamén poderá comunicarse directamente coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Cabe destacar ademais que cada ano vaise axustar o número de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) segundo o número e virulencia dos lumes rexistrados. Se o ano pasado foron 77, este ano a cifra redúcese ata 71. As PAAI reciben un seguimento especial da actividade incendiaria e unha atención específica na prevención, na vixilancia e na extinción.

Cursos para os profesionais na extinción de incendios

O Plan 2019 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) establece, entre outras cousas, procesos de formación para os 5.100 profesionais da prevención e extinción de lumes en Galicia. Un total de 272 cursos en 15 especialidades para que a maioría do persoal reciba dous cursos. Hai cursos xenéricos que van destinados a distintas categorías profesionais, pero a maior parte están estruturados segundo as categorías do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios de Galicia (bombeiros forestais, condutores de motobomba, emisoristas, bombeiros forestais, xefes de brigada, directores técnicos de extinción, etc.).

Mellora de materiais e medios de extinción

Tamén se aposta pola profesionalización do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Spdcif), investindo preto de 5 millóns de euros na renovación de 22 motobombas (o custe de cada unha é de máis de 217.000 euros).

Son polo tanto 77 as motobombas renovadas desde o ano 2013 nos 19 distritos forestais (case o 50% das que están en funcionamento actualmente). Cómpre destacar que as motobombas que deixan o servizo, no caso de estar en bo estado, son cedidas ás brigadas municipais para que continúen co seu uso. Deste xeito os concellos renovan tamén o seu parque móbil (7 vehículos foron cedidos este ano).
R.