Skip to main content

Lánzase a primeira convocatoria da incubadora Bioincubatech para impulsar o bioemprendemento en Galicia



A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Patricia Argerey, participou esta mañá no acto de presentación da primeira convocatoria da incubadora de alta tecnoloxía do ámbito biotecnolóxico Bioincubatech. A Axencia Galega de Innovación participa na definición, execución e supervisión da dirección estratéxica da incubadora/aceleradora liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago e Uninova, así como no cofinanciamento da iniciativa xunto á Fundación Incyde. Bioincubatech foi seleccionada na convocatoria para a posta en marcha e prestación de actividades en incubadoras de alta tecnoloxía da Comunidade Autónoma de Galicia da Fundación Incyde, financiada dentro do Programa Operativo Feder de Crecemento Intelixente.

A directora de Gain sinalou que esta incubadora constitúe un dos fitos da Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía, posta en marcha no ano 2016, e que finaliza en 2020, cuxos obxectivos e execución xa se teñen acadado prácticamente ao 100%. “Confío en que BioIncubaTech sexa capaz de atraer os mellores proxectos empresariais a Galicia e que estes teñan posibilidade de consolidarse e medrar en Galicia, facendo aínda mais forte o noso sector da biotecnoloxía e posicionándonos mellor a escala europea”, apuntou Argerey.

Ademais, esta incubadora contribúe a reforzar o ecosistema de apoio ao emprendemento en Galicia, aumentando a oferta de infraestruturas e servizos de incubación e aceleración no sector da biotecnoloxía, e integrándose na plataforma StartInGalicia que engloba todos os servizos de apoio ao emprendemento da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Argerey tamén subliñou que a creación desta infraestrutura centralizada de altas capacidades, que ofrece servizos de alto valor engadido, dota de novas capacidades ao tecido empresarial biotecnolóxico, aumentando así a súa capacidade de competir internacionalmente.

Por último, a directora de Gain contextualizou esta iniciativa no alto potencial do sector biotecnolóxico galego, tanto dende o punto de vista da xeración de coñecemento, coa Universidade de Santiago de Compostela liderando o programa, como dende o punto de vista do tecido empresarial, cos clústeres Bioga, Clusaga e o da Saúde implicados no proxecto.

Por este motivo así como pola súa capacidade para transformar sectores estratéxicos para Galicia como o agroalimentario, o mariño, o medioambiental ou o sanitario, o sector da biotecnoloxía constitúe un sector prioritario para a Xunta de Galicia, que puxo en marcha en 2016 unha Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía, co obxectivo de impulsar a competitividade destes sectores e situar a Galicia como actor clave a nivel internacional na cadea de valor biotecnolóxica. Ademais desta iniciativa, a Xunta de Galicia apoia outros programas de emprendemento e aceleración neste eido como a Business Factory Food, centrada na industria alimentaria, Agrobiotech Innovación, centrada na biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa, ou a Incubadora de Descubrimento Temperán de Fármacos da Fundación Kaertor e Janssen.

Primeira convocatoria do programa Bioincubatech

A primeira convocatoria, que se presentou esta mañá, estará aberta desde hoxe, 15 de outubro, ata o 15 de novembro e busca a incubación de micropemes relacionadas co sector biotecnolóxico a partir da creación de empresas de base tecnolóxica así como apoiar a aquelas empresas que precisan mellorar e innovar nos seus procesos no ámbito biotecnolóxico, especialmente nos sectores saúde e tecnoloxías alimentarias.

Para elo, ofrece catro programas: preincubación, dirixido a proxectos en fases iniciais sen inicio de actividade e sen plan de negocio ou cun plan de negocio non validado; incubación, empresas constituídas cun plan de negocio inicial e cun incipiente acceso ao mercado; aceleración, empresas constituídas cun plan de negocio xa desenvolvido e cun acceso ao mercado significativo; e incubación virtual, proxectos en calquera fase de desenvolemento que non precisen aloxamento físico.
R.