Skip to main content

Funboa escénica estrea no Salón Teatro a súa coprodución co CDG 'O que segue'

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario da estrea esta fin de semana de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A peza poderá verse na sede da compañía pública este venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe a Cristina Balboa na presentación da montaxe, que ela mesma dirixe e interpreta, ademais de ser a autora da música e de asumir a produción xunto a Manu Lago. Tamén participou neste acto Manuel Parra, quen exerceu de asistente de dirección cunha presenza moi activa no resultado do espectáculo, para o que contaron así mesmo con Afonso Castro (iluminación), Paula Quintas (vestiario), Mauro Trastoy (espazo escénico) e Ángel Sousa (vídeo), entre outras achegas artísticas.

Sutil enmarcou O que segue no programa de coproducións do Centro Dramático Galego para esta temporada escénica 2019-2020, dentro da que proximamente chegarán aos escenarios proxectos tan diferentes como Se fosen turistas, levarían gafas de sol, de Limiar Teatro; A amnesia de Clío, de Voadora, e O loro de Carlos V, do conxunto vocal Favola in Musica.

Proceso creativo

Pola súa banda, Cristina Balboa e Manuel Parra explicaron o proceso de creación do espectáculo, que foi un dos proxectos seleccionados para as Residencias Paraíso 2018 do colectivo RPM, tamén coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. Xa en xaneiro deste ano, a compañía realizou unha estadía artística no Salón Teatro para continuar avanzando na montaxe, que agora se estrea neste mesmo escenario. Desa volta, compartiu co público de Santiago un avance do seu proceso creativo, que tamén presentou no ciclo Mulleres en Acción-Violencia Zero en Cambados e nas Picnic Sessions do Centro de Arte 2 de Mayo (CA2M) de Madrid.

Cristina Balboa describe O que segue como “un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza” para construír un “relato feroz” do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo.

A venda de entradas para as tres primeiras funcións desta propostas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, para o venres e sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.
R.