Skip to main content

O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia desenvólvese a través de diversas actividades

O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda ‘Muller de ciencia’, na que as investigadoras e profesoras da USC Mabel Loza e María José Alonso; a xestora do Centro, Ruth González; a presidenta da Agrupación industrial de Saúde de Galicia, Rocío Mosquera; a representante de Executivas de Galicia, Sara Campos; e o catedrático da USC, Anxo Carracedo, reuníronse para debater sobre o desenvolvemento da carreira científica con perspectiva de xénero. Ao acto tamén quixeron sumarse a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Experiencias persoais no desenvolvemento profesional, anécdotas e pluralidade foron os eixos que centraron as exposicións das investigadoras e tecnólogas.

Lugo

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo foi sede da II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolveu unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. Maruxa García Quiroga de TasteLab, empresa de tecnoloxía en análise sensorial; Carme Cillero Castro de 3Edata, empresa de enxeñaría ambiental; Tamara Arango López de BeWell, empresa de certifi¬cación de benestar animal; e Mª Ángeles Novo Martínez de ‘Ángeles Novo Nutrición’, tomaron parte nesta iniciativa que contou coa moderación de Carla Reyes Uschinsky, periodista e presidenta de Executivas de Galicia.

Santiago

A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvólvese na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 16.00 horas. A xornalista Iolanda Casal moderará unha mesa redonda integrada por Pablo Francescutti da Universidad Rey Juan Carlos, Leonor Parcero de DivulgAcción, e Tamara Montero da asociación Xornalistas Galegas. O foro serve para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas e no marco do mesmo, desenvolverase a Asemblea Xeral Ordinaria de Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).

Pola súa parte, a Facultade de Química tenta responder á cuestión ‘Existe a igualdade de xénero na ciencia?’, a través doutra mesa redonda ás 17.00 horas. Finalmente, a obra teatral ‘Foto 51’ e a mesa redonda ‘Muller e ciencia’ terá lugar, ás 20.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC.

Axenda para os vindeiros días

Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo de todo o mes de febreiro. Así, o vestíbulo do CiMUS acollerá o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a iniciativa ‘Superciencias. O futuro é un xogo de nenas’, en colaboración coa Asociación española contra o cancro. A conferencia ‘Mujeres y ciencia: ¿la química funciona?’ a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química.
R.