Skip to main content

A Xunta mantén aberta unha chamada para identificar solucións innovadoras que combatan o coronavirus covid-19

Con esta iniciativa, a Xunta pon especial énfase na necesidade de innovar en servizos e produtos, e de poñer a I+D+i ao servizo de sociedade.

Non hai prioridades temáticas predefinidas, só se require que sexan solucións innovadoras que se poidan implementar de xeito inmediato e que axuden a resolver os retos que plantexa a pandemia do COVID-19. Os solicitantes deben achegar as súas solucións ata este venres 27 de marzo a través do formulario habilitado ao efecto na páxina web de Gain. Unha vez recibidas as propostas –ás que se poden presentar todos os axentes do sistema galego de I+D+i–, a Axencia Galega de Innovación realizará unha selección para identificar solucións de interese. Estas solucións deberán ser validadas por parte dos responsables da política de saúde, dada a imposibilidade de homologación de determinados produtos en tan curto prazo de tempo. Unha vez identificadas as necesidades de apoio dos proxectos seleccionados, a Xunta disporá os fondos que sexan necesarios para a súa execución.

Así mesmo, na mesma sección da web, Gain irá centralizando toda a información relativa á I+D+i fronte ao coronavirus, desde a súa incidencia nos procedementos administrativos, unha serie de preguntas e respostas frecuentes, os datos de contacto dos servizos da Axencia, así como enlaces a medidas de apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Comisión Europea neste ámbito.
R.