Skip to main content

O Servizo de prevención e defensa contra incendios desinfecta máis de 350 centros de saúde e residencias na súa primeira semana de colaboración por mor do coronavirus

Ademais dos centros asistenciais están a desinfectar outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ademais de desinfectar, están a establecer contacto cos profesionais das residencias para reforzar os seus protocolos de prevención.

A maiores, estes profesionais tamén se están a encargar de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborar nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.

Os axentes ambientais e bombeiros forestais que participan na iniciativa fano de xeito totalmente voluntario durante as súas quendas de traballo. Estas funcións adicionais non impiden que quede garantida en todo momento a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar.

Apoio ás persoas maiores e discapacitadas

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un informe ao Consello da Xunta con medidas medidas impulsadas para paliar a crise provocada polo coronavirus (COVID-19), co fin de facilitar que preto de 150 efectivos medioambientais se sumen voluntariamente a un programa para realizar tarefas que garantan os servizos básicos ás persoas maiores que viven no rural galego.

A realización dos traballos voluntarios a desenvolver quedará supeditada á realización dalgún servizo esencial que lle poida ser encomendado en coordinación cos servizos sociais dos concellos, como a vixilancia e o seguimento visual e telefónico das persoas maiores ou con discapacidade que viven soas en zonas rurais despoboadas ou pouco accesibles. Trátase de manter un seguimento de carácter social das persoas maiores ou discapacitadas que viven illadas, co fin de atender a posibles necesidades ou a cambios nos estados de saúde, tanto física como mental.

Tamén poderán levar a cabo actuacións de vixilancia dos camiños rurais e espazos naturais, fundamentalmente, incluídos en Rede Natura, para facer cumprir as medidas de confinamento decretadas polo estado de alarma. Nos casos de observarse incumprimentos, realizarán a correspondente denuncia.