Skip to main content

Iníciase o reparto doutros 1.750 equipos con conexión gratuíta á rede para facilitar o seguimento da actividade educativa das familias con menos recursos

Trátase dun pack formado por un ordenador ultraportátil idéntico aos empregados polo alumnado no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, xunto cun kit que permite a súa conexión gratuíta á rede (grazas á colaboración dos operadores Orange, Vodafone e R; e do Ministerio de Educación con Telefónica) mediante un router WIFI 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G.

O novo equipamento informático está a distribuírse a través do centro de loxística de Amtega nos centros educativos e son os equipos directivos os que determinan as familias beneficiarias.

Criterios de reparto

Esta segunda entrega está a distribuírse en centros que, en atención ás necesidades detectadas, solicitaron expresamente un número de packs superior aos tres que inicialmente lle foran asignados no primeiro envío. Agora farase fincapé nos centros que imparten Bacharelato, dotándoos segundo o número de alumnos matriculados nesta etapa.

Nos criterios xerais de reparto, ademais da situación socioeconómica das familias e da non disposición de ordenadores nin de conexión a internet nos seus fogares, terán prioridade os alumnos dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de BACH e 2º de FP).

Balance

No que respecta ao primeiro lote informático para atender ás familias con menos recursos durante o período de suspensión das clase por mor do COVID-19, foron entregados un total de 997 equipos e kits de conexión á rede en 333 centros escolares de toda Galicia.

A meirande parte dos equipos (o 70% do total) foron para alumnado de ESO; mentres que un 20% foi para alumnado que cursa Bacharelato, un 7% para alumnado de Formación Profesional, e o resto para alumnado de Ensinanzas de Adultos.
R.