Skip to main content

Repartidas preto de 8 millóns de unidades de protección no primeiro mes da plataforma loxística Clonegal

Os envíos desde a plataforma lévanse a cabo grazas “á cesión das instalacións e da experiencia loxística” da empresa Jevaso, á que o vicepresidente da Xunta agradeceu a súa “implicación” e puxo como exemplo de todas as entidades que están a colaborar coa Xunta na loita contra a pandemia.

O xerente de Jevaso, Jesús Vázquez, sinalou que a entidade decidiu asumir a petición da Xunta para encargarse da distribución, ao considerar que “todas as empresas e cidadáns deben contribuír na medida das súas posibilidades para saír xuntos da actual situación de crise sanitaria”.

O Goberno galego está a proporcionarlle ás entidades locais elementos cos que o persoal de servizos municipais como Protección Civil, Policía Local ou o Servizo de Atención ao Fogar (SAF) poidan seguir desenvolvendo as súas funcións con seguridade. Así, esta semana os municipios de menor tamaño recibiron o seu décimo envío e as sete grandes urbes o cuarto.

Os concellos galegos, incluídas as cidades, teñen recibido máis de 1,5 millóns de unidades de protección. No caso das sete cidades galegas, trátase de 416.400 equipos de protección individual.

A Xunta realizou ademais esta semana un novo envío ás residencias e entidades sociais galegas públicas e privadas. Trátase da quinta entrega que, xunto coas anteriores, suman 2,2 millóns de unidades.

Entre os elementos enviados inclúense máscaras, luvas, traxes antisalpicaduras, batas, calzas, gorros e pantallas faciais e oculares, ademais de xel hidroalcohólico, lixivia e desinfectante.

Tamén están a recibir material os empresarios e autónomos galegos, xa que a Xunta enviou dende a plataforma Clonegal preto de 4 millóns de máscaras aos clusters e asociacións de empresarios e autónomos galegos. Alfonso Rueda aclarou que Galicia foi a única comunidade en ofrecer unha solución a estes colectivos para que puidesen retomar a súa actividade de forma segura. Ademais, proporcionáronselle ao mesmo prezo ao que o adquiriu a Xunta.

O 90% dos equipos que saen do centro foron subministrados pola Administración autonómica. Por iso, o vicepresidente da Xunta solicitou”unha maior coordinación entre administracións e máis implicación do Estado” coa finalidade de garantir a dotación de material á poboación.
R.