Skip to main content

Sanidade traslada ao Ministerio a proposta para que Galicia pase á fase I e se flexibilice a mobilidade en todo o territorio

A formulación do Goberno galego, -remarcou Almuiña-, é que a mobilidade debe permitirse para a cidadanía dentro da Comunidade Autónoma galega, sen aterse aos límites provinciais, e sempre que as áreas sanitarias de orixe e destino se atopen na mesma fase.

Capacidade de illamento de zonas concretas

Tal e como incidiu o conselleiro de Sanidade, Galicia non pretende aumentar con esta proposta as restricións á mobilidade que o Goberno do Estado poida considerar. A proposta da Xunta baséase en ter a capacidade para o illamento de zonas concretas inferiores como a zona, o distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade.

A toma de decisións que motiven o cambio de fase das previstas no Plan de transición, de acordo cos datos epidemiolóxicos, aplicaranse sobre o ámbito da área sanitaria.

A unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva para controlar de forma máis precisa e proporcionada á situación adversa.

En consecuencia, subliñou Almuiña, será unidade territorial de actuación para impoñer restricións a zona sanitaria caso de que se poida atender a situación con esta delimitación, senón será o distrito e, de non ser posible, a área sanitaria. Esta aproximación, entende o conselleiro, que é a que permite o menor conflito entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía.
R.