Skip to main content

A Xunta fará un novo cribado a todo o persoal dos centros sanitarios e porá en marcha o Covid-auto escola para realizar PCR á comunidade educativa

Ademais, a Xunta tamén porá en marcha entre mañá e o luns un circuíto específico para a realización das PCR á comunidade educativa a través dos Covid-auto. Feijóo aseverou que os Covid-auto escola permitirán “axilizar a realización das probas diagnósticas, diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico, acelerar o proceso de identificación dos contactos estreitos e reducir a presión sobre atención primaria, especialmente pediátrica”.

Todas as áreas sanitarias contarán con espazos Covid-auto específicos para os posibles casos procedentes das escolas. Deste xeito, cada vez que se detecte un posible caso nunha aula e se determine que deben facerse PCR, toda esa aula se derivará automaticamente á axenda das liñas Covid-auto.

O presidente da Xunta lembrou que ata o momento xa se teñen realizado cribados: a todo o persoal docente e non docente de primaria, secundaria e das escolas infantís- máis de 40.000 profesionais-; aos temporeiros que realizan tarefas agrícolas, especialmente na vendimia; a membros de Corpos e Forzas de Seguridade e ao persoal de prevención e extinción de incendios forestais.

A maiores, tamén se levaron a cabo dous cribados completos tanto a usuarios como a profesionais das residencias de maiores de toda Galicia. E, segundo avanzou Feijóo, “estamos xa cumprindo o compromiso asumido con toda esta colectividade, que é facer un cribado de PCR cada 14 días, dous ao mes, a todos”. Estase realizando a través do sistema de autotomas de mostra de saliva que serán analizadas co sistema de pooling do novo laboratorio de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.
R.