Skip to main content

A escritora Célia Fraga gaña a sexta edición do Premio Nortear destinado a promocionar novos escritores de Galicia e o Norte de Portugal

O xurado elixiu a obra da escritora de Vila Nova de Gaia entre as 28 obras presentadas nesta edición -9 escritas en galego e castelán e 19 en portugués-, por contar cunha escrita elegante, madura e coherente, e cunha forte utilización da estética. Ademais, sinalou a calidade dos traballos presentados nesta edición e a uniformidade na temática en torno á covid-19.

Nas seis edicións precedentes deste concurso participaron arredor de 230 publicacións presentadas por mozos entre 16 e 36 anos. Así, Célia Fraga súmase ás escritoras galegas Lara Dopazo, Cecilia Santomé e Sabela Varela e aos dous escritores portugueses, Rui Cerqueira Coello e Sara Brandao como vencedores deste galardón.

O premio literario Nortear enmárcase no proxecto europeo co mesmo nome, levado a cabo pola AECT da Eurorrexión en colaboración coa Xunta e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, baseado na vontade dos organismos implicados de promover a cooperación multicultural transfronteiriza na Eurorrexión, co obxectivo de converter a cultura de Galicia e o Norte de Portugal en referente a nivel europeo.

Plataforma web

Debido ao éxito da iniciativa cultural Nortear, a AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal promoveu a posta en marcha dunha plataforma web, desde a que se optimizará a xestión integral de tódalas iniciativas e actividades asociadas a este programa, ao mesmo tempo que se simplificarán os procedementos para participar e xestionar as convocatorias do premio literario Nortear, coa presentación das obras por plataforma electrónica.
R.