Skip to main content

Ponse en marcha a aplicación PassCOVID, que ofrece información actualizada, avisos e alertas sobre a situación da crise sanitaria

Con esta aplicación Galicia suma unha nova ferramenta dixital para facilitar a colaboración cidadá na resposta á crise sanitaria. Así, ao labor de rastrexo automatizado que realiza a app estatal RadarCOVID, PassCOVID engade múltiples funcionalidades como ofrecer información actualizada da situación da pandemia; facilitar a comunicación de contactos estreitos en caso de ser confirmado positivo; acceso ao código alfanumérico para introducir en RadarCOVID e alertas de establecementos nos que se rexistren concentración de contaxios.

Información

As persoas que descarguen PassCOVID poderán optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou facelo de xeito anónimo. En función do perfil que elixan a información que recibirán será máis ou menos personalizada.

Calquera usuario da aplicación terá acceso a información sobre a situación da pandemia en toda a Comunidade e poderá seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das restricións o medidas que se adopten nese municipio. Ademais, todos os usuarios recibirán alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19.

Situación epidemiolóxica do cidadán respecto á covid-19 e declaración de contactos estreitos

A persoa que se identifique empregando a Chave 365 recibirá información sobre se foi identificado como contacto estreito ou diagnosticado da covid-19. Neste caso, poderá informar a través da app dos contactos estreitos ao Centro de Seguimento de Contactos do Sergas. Tamén recibirá no móbil o código para introducir en RadarCOVID e iniciar a comunicación a posibles contactos de proximidade que permite esa aplicación.

Neste labor de apoio á xestión da crise, a app facilita tamén o acceso ás ferramentas do Sergas para o seguimento da enfermidade en pacientes en domicilio; dos contactos estreitos así como ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan á Comunidade procedentes dunha zona de alta incidencia do virus.

Rexistro en establecementos

Para facilitar a xestión temperá de posibles contactos en establecementos PassCOVID permitirá ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese.

No caso de que a autoridade sanitaria determine que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas, poderá enviar un aviso á PassCOVID. Se un usuario da app estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.

Ademais, se a persoa é diagnosticada de covid-19, poderá compartir co Servizo Galego de Saúde a súa listaxe de establecementos e así colaborar coa xestión da pandemia. Esta funcionalidade irase activando progresivamente, comezando polos establecementos turísticos, que poderán descagarse o código QR a través da plataforma Turespazo.
R.