Skip to main content

Galicia lamenta que o novo estatuto electrointensivo recorta as axudas á industria galega

Conde explicou que, co novo marco, pásase de apoiar a 120 empresas en España a 600 “e desde ese punto de vista os grandes consumidores electrointensivos non teñen unha resposta”. Ademais, engadiu que tampouco hai “un compromiso claro desde o punto de vista dos mecanismos de CO2 e tampouco se atenden as principais alegacións que tiñamos presentado Galicia, Cantabria e Asturias”, especialmente cara a figura dos grandes hiperelectrointensivos. Do mesmo xeito, sinalou que non están contempladas no texto final outras medidas de carácter fiscal que a Xunta consideraba como imprescindibles para abaratar o prezo enerxético.

Por todo o sinalado, Conde apelou ao Goberno a que “rectifique esta política enerxética que está deixando a un lado a industria e que está poñendo nunha situación verdadeiramente complicada que os empregos industriais poidan ter un futuro no noso país”.

Con respecto ao caso concreto da planta de Alcoa en San Cibrao, Conde defendeu que “no momento en que se poida ditaminar que a compañía non está disposta a darlle continuidade, automaticamente a única solución posible é a intervención”, lembrando que desde a Xunta así se está defendendo tanto cos traballadores como co propio Goberno.

“Necesitamos claramente que haxa unha aposta polo emprego industrial na Mariña pero tamén noutras empresas electrointensivas”, remarcou o vicepresidente económico, facendo referencia a exemplos como Alu Ibérica, Ferroatlántica Sabón, e Xeal e Celsa na Costa da Morte. “Falamos en definitiva das empresas electrointensivas que con este estatuto non teñen unha resposta ás súas necesidades”, remarcou Conde.
Segundo o vicepresidente económico, “Galicia perde unha vez máis con este estatuto”, denunciando que “non sabemos cales son os motivos polos que o Goberno o retrasou, pero desde logo para este resultado podíase aforrar este camiño”.
R.