Skip to main content

A Biblioteca de Galicia conmemora os seus 10 anos cunha exposición na que fai un percorrido por máis de 70 obras representativas das súas coleccións

A través de oito seccións diferentes, o percorrido achega aos cidadáns obras desde o século XV ata a actualidade, dos fondos do patrimonio bibliográfico xestionado pola Biblioteca e da hemeroteca de prensa e revistas, ademais de distintas pezas das súas coleccións de cartografía e material especial como son fotografías, carteis, debuxos ou gravados. E non só os elementos impresos son os protagonistas desta mostra, tamén as creacións audiovisuais e sonoras están presentes nesta recompilación representativa do legado polo que vela a institución porque, segundo salientou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, “son testemuña da parte non escrita da nosa cultura, e nesta mostra podemos observar algunhas das pezas máis descoñecidas polo público”.

Os comodatos e as doazóns recibidas durante estes dez anos, fundamentais para enriquecer o servizo que presta a Biblioteca, tamén teñen presenza. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou “a xenerosidade de persoeiros e institucións que cederon as súas coleccións, como o Fondo Amancio Landín Carrasco, o Fondo Bibliográfico Abanca, o Fondo Agustín Sixto Seco ou a Colección Núñez de las Cuevas, entre outros moitos, para que toda a cidadanía puidese acceder á súa consulta, que non sería posible cos medios propios”.

Xunto co secretario xeral de Cultura, tomaron a palabra na inauguración da exposición, Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, e Noelia Bascuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia e comisaria da exposición. Ademais, estiveron acompañados pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; os exdirectores da Biblioteca, Xosé Antonio Regos e Daniel Buján; ou Xosé Díaz Arias de Castro, en representación da Colección Isaac Díaz Pardo que tamén custodia a Biblioteca de Galicia.

Labor de difusión da Biblioteca de Galicia

Dende que se inaugurou na Cidade da Cultura, en xaneiro de 2011, a Biblioteca de Galicia quixo dar sempre un paso máis nas súas funcións, exercendo un importante labor de difusión cultural, máis alá de custodiar as obras, sendo o instrumento para a consulta e acceso da cidadanía ao noso patrimonio bibliográfico. Desde entón non deixa de organizar periodicamente distintas mostras destinadas a que o gran público, infantil e adulto, poida coñecer máis polo miúdo toda esa riqueza que alberga. A isto tamén quixo facer referencia Anxo M. Lorenzo, puntualizando que “a responsabilidade da Biblioteca non é só conservar e catalogar os fondos do seu depósito, tamén ten como función recoller todo o que se edita na nosa comunidade a través do Depósito Legal e trata de velar porque todo o patrimonio bibliográfico galego sexa identificado, descrito e preservado”.

10 anos da Biblioteca de Galicia. As pegadas dunha década pode visitarse de balde no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 31 de maio de 2022 en horario de 9,00 a 21,00 horas.
R.