Skip to main content

Entregados os premios Xuventude Crea nas modalidades de moda e deseño de xoias

Na modalidade de deseño de xoias resultou vencedor Julián Rivas Pintos de Santiago pola obra ‘Eles’; mentres que Laura Formoso Caamaño, tamén de Compostela, con ‘A túa nova casa’ recibiu o segundo galardón da categoría. O terceiro premio foi para Inés Cortizas Vázquez de Betanzos por ‘Kukú’.

Nesta edición de 2021, presentáronse un total de 12 obras na especialidade de moda e 28 obras na especialidade de deseño de xoias, o que supón a participación de 40 persoas, 26 mulleres e 14 homes residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte na sesión xunto á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil. “Este é un proxecto que nos vincula coa xente moza do país e co seu talento”, subliñou a vicerreitora, mentres que Pichel Toimil puxo o foco en que Xuventude Crea conforma “unha plataforma para a escena artística da xuventude galega”.

Trampolín

O programa Xuventude Crea que neste ano 2021 cumpre doce anos, é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Esta iniciativa pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer estes novos talentos e as súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.

Os premios en metálico para cada especialidade constitúen un estímulo económico para a mocidade: 3.000 euros o primeiro premio, 1.500 o segundo premio e 1.000 o terceiro premio. Pola calidade das obras, poden outorgarse mencións de honra, sen dotación económica. A mostra da Igrexa da Universidade permanecerá aberta ao público, con todas as medidas de seguridade, ata o 15 de xaneiro de 2022, de luns a sábado, en horario de 11.00 ás 14.00 horas, pola mañá, e de 17.00 a 20.30 horas, pola tarde.
R.