Skip to main content

Nova Galega de Danza, Colectivo Glovo e Javier Martín estrean tres espectáculos

Os outros dous títulos apoiados −Festina lente, de VACAburra, e Tres tristes tigres 2.0, de Cía. Kirenia Danza− xa comezaron o seu percorrido hai uns meses.

Danza para o Xacobeo 21-22

A primeira das funcións desta semana correrá a cargo de Nova Galega de Danza con Credo, a súa nova proposta, que representará mañá en sesión dobre, ás 19,00 e ás 21,00 h., no Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes de García Rodíguez. No marco da celebración do Xacobeo 21-22, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz presenta unha adaptación escénica de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

Credo fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza que combina a música orixinal de Sergio Moure coas coreografías de Díaz, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo. O corpo de danza está composto por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez.

Completan o equipo artístico desta coprodución Iván Villar −recente premio Max ao mellor bailarín pola súa interpretación en Leira, anterior espectáculo da compañía− como axudante de dirección, Xan Domínguez e Fernando Outañón a cargo dos textos e da dramaturxia, a voz de Alba Moura, o vestiario de Erika Oubiña ou o son de Alberto Beade.

No caso do Colectivo Glovo, a estrea de Tabú terá lugar tamén mañá, ás 20,30 h., no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). A beleza e as interrogantes sobre a historia dunha imaxe do Arquivo Municipal de Allariz, na que que se retrata un equipo de fútbol feminino en 1925, serviron de punto de partida para a construción desta peza, que se mergulla nas travesías emprendidas por mulleres pioneiras.

Esther Latorre e Hugo Pereira dirixen o espectáculo, que interpretan xunto a Sybila Gutiérrez, Clara Ferrão e Fran Martínez. A artista e dj Babykatze asina espazo sonoro e o vestiario está realizado en colaboración con Adolfo Domínguez.

O corpo en tránsito

O Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros acollerá o sábado 4, ás 20,30 h., a primeira función en Galicia de Figuras do limiar, a nova proposta do coreógrafo e performer Javier Martín, con 15 anos de recoñecida traxectoria polas súas achegas innovadoras ás artes do movemento. Neste caso, parte da idea de tránsito que deriva da experiencia de cruzar o limiar e repara, entre outras fontes, no propio acervo cultural galego e nalgunhas das súas figuras espectrais, desde a Santa Compaña ata os diversos personaxes do entroido, como o Peliqueiro ou a Pantalla. Nelas inspírase para construír os sete cadros que conforman o espectáculo.

O deseño do concepto, o movemento e os espazos de Figuras do limiar son do propio Javier Martín, que conta coa iluminación de Octavio Más, o son de Abul Mogard, Philip Jeck e Leyland Kirby, a produción e acompañamento de Sabela Mendoza, a técnica visual de Juanma Lodo, o vestiario de Cremallera Studio, Álvaro M. Leiro e Centro Coreográfico Galego, e o apoio audiovisual de Leo López.
R.