Skip to main content

O subrecusto da dispersión para Galicia supera os 500 millóns anuais

Miguel Corgos explicou ademais que, o feito de que Galicia teña a metade de todos os núcleos de poboación de España fai que a prestación dos servizos públicos comporte unha maior necesidade de gasto que en ningún outro territorio. Neste sentido o titular de Facenda e Administración Pública destacou que o peso do número de centros de saúde que ten Galicia é máis do dobre que a súa poboación, que ten un 10% máis de mestres por alumno ou que é a comunidade que máis gasta en transporte escolar.

A posición de Galicia

O conselleiro destacou que a revisión do sistema de financiamento debe garantir un modelo con suficiencia global, cun reparto en base a unha variable que reflicta o custe dos servizos en cada territorio, cunha nivelación total, debe permitir capacidade fiscal e achegar simplificación, transparencia e estabilidade.

Así, o novo modelo debe recoller a suficiencia global pois segundo explicou, as Comunidades Autónomas teñen un peso moi importante no gasto das Administracións Públicas, polo que a Xunta entende que debería haber unha redistribución dos recursos en base ao custe das competencias asignadas ás comunidades autónomas.

Tamén debe incluír un reparto en base a unha variable que reflicta o custe dos servizos en cada territorio, no que resulta de vital importancia a variable de poboación axustada. A nivelación total é outro dos aspectos a recoller, xa que é garantía de financiamento igual a condicións homoxéneas, achega estabilidade ao sistema, e depende do nivel de suficiencia global garantido.

O sistema tamén debe garantir a autonomía fiscal. Galicia aspira a seguir exercendo o seu autogoberno que é a mellor garantía dunha autonomía financeira efectiva, implica a corresponsabilidade fiscal das Comunidades Autónomas e a capacidade de gasto para modular a política de ingreso e de gasto público dentro das regras fiscais, e tamén a capacidade para establecer tributos.

Por último, en canto á simplificación, transparencia e estabilidade, Miguel Corgos explicou que Galicia propón eliminar fondos para simplificar o sistema; transparentar o acordo e os resultados do modelo, cunha lealdade institucional efectiva e cunha capacidade de control efectivo polas comunidades autónomas no Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF); a participación de Galicia na gobernanza da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT); e que ademais, o sistema debe garantir un financiamento estable ao longo do tempo.
R.