Skip to main content

Galicia consolida a súa reactivación económica cun crecemento no conxunto do ano pasado do 5,2%

O informe sinala que "o PIB real está aínda 2,3 puntos por baixo do nivel pre-crise, pero a fenda é maior no conxunto da economía española (3,8 puntos)" e que o crecemento do PIB real en Galicia e España caracterízase por unha achega positiva tanto na demanda interna como externa. Os expertos do Foro Económico salientan a maior contribución da demanda externa no segundo semestre do ano e apuntan que no cuarto trimestre a demanda externa achega 4,1 puntos ao crecemento agregado, fronte aos 1,8 puntos na economía española. “Porén compre salientar o forte diferencial negativo na evolución do investimento, que medra en Galicia un 1,1% fronte ao 6,8% de media en España”, engaden.

En canto á oferta, o sector servizos é que representa segundo os datos do Foro Económico de Galicia maior actividade, un 6,6% máis que no conxunto do estado. Tamén a industria manufactureira medra un 6,1% na comunidade autónoma no último ano, dúas décimas máis que España. Pola contra o sector primario contráese un 0,5% e a construción un 2,4% respecto ao ano precedente. “O dinamismo do tecido produtivo galego segue a ser inferior á media do estado”, afirman os autores do documento, indicando como “cómpre insistir na menor produtividade do sector manufactureiro en relación ao conxunto do estado”.

Mercado de traballo

No que atinxe ao mercado de traballo, o informe destaca “un bo comportamento interanual tanto no caso dos homes como das mulleres” pero, advirte, “a mellora nas cifras da ocupación deben ser matizadas xa que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menores taxas de actividade e ocupación”. Os datos da EPA, detállase no texto, reflicten que a creación de emprego rexistra maior intensidade no caso das mulleres que dos homes. “Incrementase o emprego en persoas con estudos superiores, no sector servizos, asalariados e empresarios con asalariados e en persoas maiores de 45 anos”, apuntan os expertos. No que atinxe ao desemprego o documento salienta que o principal aspecto negativo é o forte incremento do desemprego de longa duración, indicando que “os menores de 25 anos, estranxeiros e persoas con estudos primarios son os colectivos que máis dificultades atopan para conseguir emprego”.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.
R.