Skip to main content

O número de persoas sen emprego sitúase en Galicia por primeira vez desde 2008 por debaixo das 150.000 persoas

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de maio e tamén a evolución das afiliacións á Seguridade Social.

En canto ao paro, salientou que con respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse na comunidade galega nun -12,10% fronte ao -9,95% do Estado. Sinalou, ademais, que o desempregou caeu na evolución anual e mensual e nas principais variables: en todos os sectores de actividade (liderando o descenso a industria), nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Lado tamén destacou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, como son as mulleres, os parados de longa duración e os menores de 30 anos. As afiliacións, pola súa banda, creceron tamén con respecto a maio de 2021 e ao mes pasado.

Máis polo miúdo, na evolución anual, con respecto a maio de 2021, o desemprego caeu nun -11,61% (-19.186 persoas), o que supón que Galicia leva máis dun ano consecutivo rexistrando baixadas do paro na evolución anual. O desemprego baixou nas catro provincias e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos (a industria cun -16,01%; a construción cun -12,84%; os servizos cun -12,05%; e a agricultura e a pesca cun -7,67%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu especialmente entre os menores de 30 anos (-13,52%), e tamén caeu nas mulleres (-11,51%) e entre os parados de longa duración (-22,06%).

Doutra banda, as afiliacións creceron en 30.220 persoas (+2,99%), o que supón que Galicia continúa a crear emprego. A cifra de cotizacións á Seguridade Social (1.040.748) sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 13 anos (maio 2009).

Evolución mensual

Con respecto á evolución mensual, o paro caeu nun -2,98% (-4.482 persoas) baixando, ao igual que con respecto á comparativa anual, en todas as provincias e nas sete grandes cidades. Descendeu tamén en todos os sectores de actividade, liderando a industria a caída cun -3,33%. O desemprego baixou tamén nos principais colectivos. O maior ritmo de descenso rexistrouse entre os menores de 30 anos (-7,14%).

As afiliacións, ao igual que na evolución anual, aumentaron. Con respecto a abril medraron nun 0,65% (+6.751 persoas) e, deste xeito, no que vai de ano (xaneiro-maio), as cotizacións están a aumentar de xeito consecutivo con respecto ao mes anterior.

En palabras de Zeltia Lado, a prioridade da Xunta de Galicia sigue a ser a creación de emprego de calidade. Para iso, segundo engadiu, é clave, a formación para o emprego e continuar apostando “de xeito decidido” polo emprendemento e polas axudas para a contratación dos colectivos que máis precisan dun traballo. No eido do emprendemento, Lado puxo en valor a nova Dirección Xeral específica que vén de crear o Goberno galego para continuar impulsando iniciativas empresariais “coas que contribuír en Galicia á xeración de emprego de calidade”.

A nova dirección integra a rede de emprendemento que existe xa en Galicia (coas aceleradoras ou espazos coworking, entre outros instrumentos), e xestionará tamén os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia, en fase de creación, que suporá a implantación de 12 polos distribuídos por toda a comunidade para avaliar potencialidades de negocio en cada comarca.

Lado tamén sinalou que a Administración autonómica continúa, ademais, dando pulo á economía social, cun impacto na comunidade galega de máis de 3.000 millóns de euros, que representa o 7% do PIB, e que sigue a demostrar a súa resistencia fronte a períodos de crise. A Xunta neste eido -recordou- vén de investir máis de 3 millóns de euros nos bonos Consolida e Es-Transforma con apoios máximos de ata 74.000 euros.

No ámbito da formación para o emprego, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación apuntou que o Goberno galego segue desenvolvendo o Plan galego de formación para persoas ocupadas e desempregadas; e, ao respecto, lembrou que se vén de abrir o prazo de solicitude das axudas para a realización de cursos de formación para desempregados, máis de 50 millóns de euros (+12%) para mellorar as cualificacións de 12.000 persoas.
R.