Skip to main content

O IGFAE trae a Santiago a obra de teatro científico 'Recordando a Lise Meitner'

A entrada é de balde con inscrición previa neste formulario ata completar capacidade.

Esta obra de teatro científico chegará a Santiago de Compostela no marco do congreso European Nuclear Physics Conference 2022 (EuNPC 2022) organizado polo IGFAE entre o 24 e o 28 de outubro. É una iniciativa impulsada polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universitat de València coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación Xeral CSIC e a Unitat de Igualtat da Universitat de València cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT.

Nobel negado á codescubridora da fisión nuclear

Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878. A educación que recibiu por parte da súa familia permitiulle chegar á universidade, estudar Física e converterse na segunda muller doutora da Universidade de Viena en 1906. Ao rematar o seu doutoramento, Lise solicitou entrar como estudante no laboratorio Curie, pero foi rexeitada por falta de prazas. Entón decidiu viaxar a Berlín para desenvolver os seus coñecementos no campo da radioactividade. Alí coñeceu o seu gran amigo e colega Otto Hahn con quen estableceu unha estreita colaboración científica de case máis de 30 anos.

En 1938 Lise tivo que fuxir da Alemaña nazi e exiliarse a Suecia. Xunto a Fritz Strassmann produciron o primeiro exemplo de fisión nuclear, aínda que non se dan conta do achado ata que Lise interpreta os resultados. Un ano despois Otto mandou á revista Nature o traballo omitindo a Lise: temía que o acusasen de colaborar cunha xudía. Aínda que o papel de Lise foi crucial nos experimentos, só Otto recibiu en 1944 o Premio Nobel de Química por este descubrimento. Lise foi candidata en 48 ocasións ao Nobel, pero nunca o recibiu. Si conseguiu moitos outros recoñecementos, entre eles o Premio Enrico Fermi en 1966 polas súas contribucións á física. Dous anos despois, en 1968, Lise falece en Cambridge con case 90 anos. Na actualidade, ten o privilexio de ser a única científica que nomea en solitario un elemento da táboa periódica, o meitnerio.
R.