Skip to main content

O CGAC culmina con 'Camiños III' a triloxía de exposicións vinculadas ao camiñar nas que participaron máis de 40 artistas

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugurou Camiños III, a exposición que culmina a triloxía de mostras vinculadas ao camiñar nas que participaron máis de 40 artistas. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, xunto ao director do museo, Santiago Olmo, presentou a proposta artística da que salientou “a súa capacidade por mesturar a creatividade de autores moi diferenciados, de distintas xeracións e estilos capaces de crear un espazo artístico común”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse a que Camiños III continúa o traxecto iniciado con Camiños I e Camiños II que puideron verse no museo o ano pasado e parte deste e que conseguiron “fomentar a reflexión sobre a pegada cultural do camiñar”. Permite, ademais, “continuar ofrecendo unha oferta cultural de calidade e para todos os públicos desde o CGAC, con propostas internacionais cheas de actividades complementarias que conseguen atopar a interacción co público e que se suman ás outras dúas exposicións programadas nestes momentos no museo”, declarou.

Camiños III, comisariada polo propio Santiago Olmo e o profesor da universidade da Coruña e crítico de arte Alberto Cartón conta coa participación dos artistas Vito Acconci, Janine Antoni, Miguel Ángel Blanco, Mar Caldas, Benvenuto Chavajay, Mona Hatoum, Kubra Khademi, Manolo Laguillo, Juan Lesta, Priscilla Monge, Jürgen Partenheimer, Damián Ucieda e Oriol Vilanova.

Ampla programación paralela

Inclúe accións performativas rexistradas en vídeo, cadernos de campo e mapas en fotografía. Tamén instalacións específicas que se enmarcan nas paisaxes e nas súas sonoridades e expón estudos sobre zonas urbanas, periurbanas e rurais que os reconstruíron e condicionaron e que, polo tanto, crearon unha nova xeografía de uso.

Como actividades paralelas, a mostra complétase co libro Limbo do escritor guatemalteco Javier Payeras que resume o feito de camiñar polas rúas da cidade de Guatemala un día de eleccións presidenciais. Dentro da programación paralela está previsto que a semana próxima, o xoves 17 ás 19,00 horas, se realice a conferencia-performance I will greet the sun again da artista afghana refuxiada en Francia Kubra Khademi no auditorio do CGAC. Así mesmo, o xoves 24 de novembro ás 19,00 horas a performances Horizonte/5 expandido dos artistas Juan Lesta e Marco Maril na sala 1 do primeiro andar do CGAC. Tamén se prevé que nos meses de marzo e abrir teñan lugar as intervencións do artista dominicano-americano Nicolás Dumit Estévez e da norteamericana Lynda Mary Montano.

Camiños III súmase ás exposicións que tamén poden seguir visitándose no CGAC nestes meses. Trátase das retrospectivas Claudio Zulian. Vidas e Raniero Fernández. O Arquivo, ambas permanecerán no museo ata febreiro. A primeira repasa a vida e obra do director de cinema, videoartista, músico e escritor a través de proxectos e videoinstalacións de temática social que empregan como ferramentas visuais e estilísticas o plano secuencia, o plano fixo e a voz en off. Do mesmo xeito, Raniero Fernández. O Arquivo recompila varias pezas do artista que durante as décadas 50 e 60 do século pasado ofreceu unha interesante obra fotográfica que, co paso do tempo, adquiriu gran relevancia.
R.