Skip to main content

Sen avances na reunión sobre a A-6 entre Xunta de Galicia e Ministerio de Transportes

Vázquez Mourelle informou de que a Xunta acudía a este encontro co triple obxectivo de coñecer as causas do derrubamento, xustificadas co informes técnicos; acadar unha solución de tráfico eficaz para os transportistas, que rexeitan o desvío habilitado o pasado mes de setembro pola súa forte pendente; e que se presentase un plan completo de obras e investimentos para a reapertura total da A-6.

A conselleira lamentou non ver acadados ese obxectivos na xuntanza. Así, en relación coas demandas dos transportistas de mercadorías para contar unha alternativa de tráfico viable e eficaz, subliñou que o Ministerio recoñeceu hoxe que o desvío provisional habilitado o pasado mes de setembro non é válido para o vehículos pesados.

Sinalou a contradición na que incorre o Goberno de España cando, dunha banda, nega as incidencias dos transportistas no desvío da A-6 e, doutra banda, decide pechalo ao tráfico de transporte pesado, deixándoo en adiante para uso exclusivo de vehículos lixeiros.

Isto confirma que os transportistas de mercadorías non van dispoñer doutra alternativa que non sexa o paso polo núcleo de Pedrafita, tanto en sentido de entrada a Galicia como de saída.

Ademais, na reunión anunciouse que o desvío de todo tráfico pesado pola N-120 nos casos de alerta de neve, non será obrigatorio senón só unha recomendación, o que supón outra rectificación dos plans iniciais do Ministerio de Transportes.

En relación coas explicacións sobre as causas do colapso, a conselleira destacou que o Goberno apuntou a unha causalidade múltiple, unha suma de factores, como o “cansancio” do formigón ou a hidrodemolición efecutada durante as obras de emerxencia.

Nese sentido, apuntou as “dúbidas” da Xunta, por non ver aclarados os motivos polos que non se detectaron eses fallos durante as inspeccións realizadas e durante a execución das obras de emerxencia, que se prolongaron durante un ano e supuxeron un investimento de 26 M€.

Vázquez Mourelle dixo que agarda que o Ministerio de Transportes remita os informes técnicos sobre as causas do colapso do viaduto do Castro e sobre as inspeccións realizadas, tal e como se comprometeu na xuntanza.

Finalmente, lamentou a falta de concreción en canto a cronograma e investimentos previstos para a reconstrución integral da A-6, para o que se solicitaba un plan completo. Unicamente se avanzou a previsión de poñer en servizo a finais de 2023 o viaduto que aínda segue en pé, habilitándoo para o dobre sentido de circulanción, e adiando, como mínimo ata finais de 2024 a reconstrución do viaduto colapsado.

Isto significa que a A-6 permanecerá, como pouco, tres anos e medio parcialmente pechada, tendo en conta que o viaduto do Castro se cortou en xuño de 2021 para acometer as obras de emerxencia que precederon o colapso.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta fixo todo o posible para colaborar co Goberno de España na procura de solucións ante este suceso, xa que de xeito inmediato analizou o territorio e formulou posibles desvíos con propostas técnicas serias e rigorosas, que non foron consideradas polo Ministerio de Transportes.

Dadas estas circunstancias, a Xunta, 5 meses e 8 días despois do colapso do viaduto do Castro, está convencida de que a xestión deste suceso podería ter sido moito mellor, pois unha da conexións de Galicia coa Meseta segue pechada completamente, causando problemas de tráfico ao núcleo de Pedrafita, complicando a entrada e saída de turistas durante o verán e afectando gravemente a actividade dos transportistas de mercadorías.
R.