Skip to main content

Galicia valora o recurso do Goberno central ao veto á pesca de fondo e insiste na necesidade de solicitar a súa suspensión

Así o sinalou a titular de Mar trala Conferencia Sectorial e Consello Consultivo de Pesca celebrados hoxe en Madrid. Alí Rosa Quintana tamén explicou que, segundo trasladou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo momento non é posible coñecer o recurso presentado polo Executivo estatal porque as normas dos tribunais comunitarios o impiden e que nunhas semanas publicarán as liñas xerais de fundamentación. Nese momento, subliñou a titular de Mar, Galicia poderá valorar a liña argumental que seguiu o Goberno central.

Non obstante, os diferentes asesores xurídicos consultados pola Xunta aseguran que existen grandes posibilidades de que prospere e que o Tribunal poida deixar sen efecto este regulamento de execución da Comisión Europea. Nesta liña, o Goberno galego agarda que as aportacións realizadas por Galicia axuden a acadar os mellores resultados posibles de maneira que o recurso prospere.

En canto ao impacto que está a ter o veto á pesca de fondo en Galicia, Rosa Quintana sinalou que no primeiro mes de restricións os datos provisionais reflicten unha caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación. Ademais esta prohibición provoca a saída da frota dunhas zonas de pesca nas que veu traballando durante décadas a outras nas que xa se atopan outros buques, co solapamento de áreas de traballo.

Neste sentido, a conselleira sinalou que Galicia seguirá apoiando ao Executivo estatal neste labor e tamén ao sector galego que recorrerá este veto e que neste caso ten de prazo para facelo ata o 15 de decembro. De feito, Rosa Quintana explicou que a Xunta está traballando para presentarse como coadxuvante do recurso da frota galega.

Na conferencia sectorial de pesca o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes das comunidades autónomas tamén abordaron as directrices de acuicultura na Unión Europea e a transición enerxética para o sector pesqueiro. Nesta última cuestión, Galicia defende a necesidade de abordar estudos para definir que novo combustible pode ser utilizado pola frota pesqueira e de promover medidas para facer máis atractiva a actividade á xuventude como a construción de buques cunha mellor habitabilidade, máis seguros e adaptados ás esixencias relativas aos novos combustibles.
R.