Skip to main content

O Novo Cinema Galego protagoniza unha programación especial no Bolzano Film Festival Bozen de Italia

O feito de que a nosa Comunidade sexa a convidada deste especial dá conta, en palabras dos seus organizadores, da “importancia e potencia do cine galego actual”. Segundo o festival, desde o momento da definición do concepto de Novo Cinema Galego en 2010, as películas independentes feitas en Galicia téñense convertido nunha “realidade sorprendente, sólida e moi articulada produtiva e esteticamente”, como constata unha presenza cinematográfica internacional inusual en Europa. De feito, a evolución deste fenómeno segue a dar os seus froitos, tal e como se puxo de manifesto na pasada edición da Berlinale coas seleccións de Samsara, de Lois Patiño; Matria, de Álvaro Gago, e Sica, de Carla Subirana, estes dous últimos filmes exhibidos en versión orixinal galega.

Proxeccións en galego

En galego con subtítulos en italiano ou inglés proxectaranse tamén as seis longametraxes que integran a escolma de Focus Europa: Galicia, elaborada por Vincenzo Bugno, director artístico do Bolzano Film Festival Bozen, e Ricardo Apilánez, membro do comité de selección do Festival Internacional de Cine de Xixón.

Así, o especial arranca este mércores con O que arde, de Oliver Laxe, que será presentada por Carlos Tercero, conselleiro cultura da Embaixada de España en Italia, e por Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia. O filme terá un segundo pase o sábado 22, mentres que Lúa vermella, de Lois Patiño, proxectarase o xoves 20 e o domingo 23.

Ata Bolzano desprazaranse, así mesmo, os realizadores Eloy Enciso e Helena Girón xunto a Samuel M. Delgado con motivo das proxeccións das súas respectivas películas: Longa noite, o venres 21, e Eles transportan a morte, o sábado 22, sobre as que manterán cadanseu encontro co público, acompañados en ambos casos pola produtora Beli Martínez.

Tamén forman parte deste especial galego no Bolzano Film Festival Bozen Trinta lumes, de Diana Toucedo, que se exhibe sábado 22, e Trote, de Xacio Baño, o domingo 23.

A programación complétase coa celebración este venres dunha mesa redonda baixo o título Novo Cinema Galego, máis alá dos clixés: identidade artístico e xeográfico-cultural, que contará coas intervencións de Jaime Pena, Beli Martínez, Beatrice Fiorentino e Eloy Enciso.

Máis de 60 títulos

O Bolzano Film Festival Bozen, que arranca mañá mesmo nesta cidade italiana moi próxima á fronteira alemá, botou a andar en 1987 co obxectivo de ofrecer unha panorámica do cinema que se estaba a realizar nos países veciños e, ao tempo, potenciar as producións locais de cinema independente.

Máis de 60 títulos entre longas e curtas conforman o programa da súa 36ª edición, á que están convidados máis dun centenar de profesionais do sector do cine e na que a organización aspira a recuperar as cifras de público anteriores a pandemia, superando os 5000 asistentes.
R.