Skip to main content

Galicia insta ao Goberno central a traballar en conxunto para baixar a inflación sen reducir o prezo de orixe dos produtos agroalimentarios como a carne

Neste senso, matizou que é fundamental que as administracións leven a cabo un control do cumprimento da prohibición da venda a perdas, tomando medidas de control da inflación, xa que pedir que se baixen os prezos en orixe é poñer en perigo a viabilidade das explotacións agropecuarias.

Desta forma, o conselleiro sinalou que a Xunta estará vixiante a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, que asumiu as funcións da Axencia de Información e Control Alimentario en Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria.

Nesta liña, cabe poñer en valor as estratexias de dinamización impulsadas polo Goberno galego, tanto a do sector lácteo como a da carne, coas que se defende que se consolide unha relación equilibrada entre gandeiros, industria e distribución, para que o valor xerado se reparta de xeito harmónico ao longo de toda a cadea. Así, sinalou, defendemos que se garanta que ningún produtor reciba polo seu produto menos do que lle custou producilo. Nesa liña, no marco das Estratexias, o Goberno galego impulsou as ferramentas Contaláctea e Contacarne para facilitar aos gandeiros o cálculo dos seus custos de produción e o reforzamento da súa posición negociadora dos prezos coa industria.

Simplificación e flexibilidade da nova PAC

Ademais, tendo en conta que no segundo semestre do ano 2023 España vai ter a presidencia da Unión Europea, o conselleiro solicitou ao Goberno central que lidere a petición dentro de Europa de -na medida do posible- relaxar todos os requirimentos da implantación da nova Política Agraria Común (PAC). De feito, sinalou, durante toda a negociación da PAC, a Xunta xa avisara de que non se estaba traballando no aspecto burocrático deste novo período e, agora, están aparecendo as incidencias, tanto na tramitación informática das axudas como con dificultades de entendemento dos requirimentos dos decretos estatais. Ante esta situación, desde a Xunta solicitouse a ampliación do período de solicitude das axudas da PAC, unha das máis importantes para o sector primario.

Así mesmo, José González indicou que ninguén está en contra de cumprir os requirimentos medioambientais, pero si que haxa unha flexibilidade, e máis se temos en conta a situación de extraordinario incremento dos custos de produción que se produciu como consecuencia da invasión rusa de Ucraína. De feito, desde o Goberno galego reiterouse novamente a posibilidade de retrasar a entrada en vigor do caderno dixital ata o ano 2024, posto que a súa implantación suporá novos custos para as granxas que poden poñer en perigo a viabilidade económica das explotacións.
R.