Skip to main content

Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que máis reduciu as emisións de gases contaminantes en 2021

Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no acto de presentación do Atlas urbano da sostibilidade en Galicia, realizado por Economía Digital coa colaboración de diferentes departamentos da Xunta e no que se realiza unha diagnose de diferentes parámetros ambientais que inciden sobre a vida cotiá das persoas poñendo o foco no papel que xogan as cidades e o seu compromiso coa sostibilidade.

Nesa liña, a conselleira subliñou o esforzo realizado para a redución xeral da cantidade de residuos xerados en todas as cidades galegas grazas a unha xestión moderna e eficiente dos refugallos levada a cabo por Sogama e ás continuas campañas de concienciación porque o cambio de comportamento comeza nas casas.

No que atinxe á calidade do aire, outro dos parámetros avaliados neste informe, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32). E, ademais, o Consello da calidade do aire de Galicia, recentemente constituído, permitirá optimizar o intercambio de ideas e a información que se ofrece para facilitar a comprensión por parte da cidadanía dos efectos da contaminación atmosférica na súa saúde e na degradación dos ecosistemas, así como das formas que teñen para mellorala.

Finalmente a conselleira resaltou a importancia de conservar os noso bosques e montes de cara a mitigar os efectos do cambio climático dada a súa condición de reserva de carbono. Deste xeito, o Goberno galego espera contar coa colaboración de todas as administracións no desenvolvemento e aplicación de instrumentos de ordenación e xestión que permitan a regulación dos espazos naturais que converten á Comunidade “nun gran pulmón verde”.

A conselleira concluíu aseverando que “imos no bo camiño, pero temos que seguir avanzando” e nesa senda o Goberno galego esperamos contar co apoio de todos: administracións, empresas e sociedade en xeral.
R.