Skip to main content

Galicia pechou o 2022 cunha execución do orzamento consolidado do 99 %

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a estabilidade orzamentaria e a planificación como claves para xerar credibilidade e confianza.

O titular da Facenda autonómica compareceu hoxe no Pleno do Parlamento para informar do peche do exercicio 2022 onde sinalou que os orzamentos do ano pasado cumpriron os seus obxectivos finalistas, así como tamén a súa función financeira.

Nesta liña, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o compromiso de toda a sociedade galega, que fixo posible que a comunidade consolidase o crecemento económico logo da crise sanitaria e recuperase o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano pasado.

Galicia pechou o 2022 cunha execución do orzamento consolidado do 99 %; un déficit orzamentario de 293 millóns de euros, o que representa o 0,4 % do PIB e dúas décimas menos do inicialmente previsto; e cunha ratio débeda/PIB do 17,2 %, o que supón tres décimas por debaixo do previsto.

Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade da financiar gastos de capital con ingresos correntes. Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan en torno ao 5 % dos seus ingresos correntes (470 millóns de euros) para financiar operacións de capital que contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.

En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 13 % do total do gasto non financeiro a investimentos; e ademais foi a segunda comunidade autónoma que pagou aos seus provedores con maior axilidade, nunha media de 14,9 días. Esta axilidade beneficia ás empresas, pois evita problemas de liquidez e ao conxunto da cidadanía, porque moitos destes provedores son pemes e autónomos.
R.